A GAMELA "MINXOS", NAVEGANDO POLOS MARES DE LUÍS VAZ DE CAMÔES
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A gamela guardesa "Minxos", da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda, atópase nas augas da badía da cidade lusa de Vila do Conde.
Como xa saben nosos amables lectores, nesta fin de semana - 13 e 14 de abril de 2024 - está tendo lugar nesa localidade portuguesa, o XII Encontro de Embarcaçôes Tradicionais e a IX Exposiçâo - Mostra de Embarcaçôes Tradicionais. E neses eventos, a gamela guardesa está representando á tradición mariñeira de A Guarda. E faino, grazas á vontade e afouteza dos membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.
Dese xeito, a gamela "Minxos", que na súa vela de ala de pardela - como decía noso relembrado escritor, etnógrafo, ensaísta e poeta Eliseo Alonso Rodríguez, entrañable amigo dos mariñeiros de A Guarda -, leva uns versos - "Deixaime bolinar á eito neste valse (...) - extraídos da edición bilingüe (castelán-galego) do poemario De mar a mar. Poemas (1932-1933) - de Feliciano Rolán Vicente, coroados pola súa efixie; suca nestes días calorosos de abril, as augas do porto de Vila do Conde, navegando polos mares de Luíz Vaz de Camôes.
Non queremos rematar esta crónica, sen indicar que a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, como entidade anfitrioa, ten marcado no calendario oficial de actividades da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (culturmar) para os días 12, 13 e 14 do vindeiro mes de xullo de 2024, un evento marítimo cultural dos pobos do norte de Portugal e Galicia, a celebrar no porto e vila de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario