26 de abr. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Cecilia Cacheda renova co Mecalia Atlético Guardés 

 A central lalinense cumprirá a súa segunda tempada no club 

 Continuará sendo unha peza crave no proxecto para 2024/25 


Cecilia Cacheda
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés continúa configurando o seu persoal para a próxima tempada. Un dos piares do novo proxecto será Cecilia Cacheda, que cumprirá así o seu segundo ano no conxunto do Baixo Miño. A central lalinense prolonga o seu contrato co club unha campaña máis.  

 Os prognósticos non fallaron coa xogadora galega. Chegou para ser unha peza crave nesta campaña e non defraudou. A súa achega no que vai de Liga Guerreiras Iberdrola cífrase en 85 goles e incontables contribucións desde a primeira liña, comandando o xogo do equipo e conquistando cada pavillón que pisa grazas ao seu excelente rendemento. Coa súa permanencia, o club asegúrase potencial ofensivo e liderado no 40×20.  

 Cecilia Cacheda convértese así na sétima peza do persoal 2024/25 do primeiro equipo, tras as renovacións de Míriam Sempere, Ania Ramos, María Sancha, Cristina Cifuentes, África Sempere e María Palomo.  

Ceci Cacheda : “Sentinme moi cómoda en todos os sentidos, tanto no pobo como coas compañeiras”  

“Estou moi contenta tras a renovación. Creo que este primeiro ano na Guarda foi moi bo”. Así asegura atoparse Cecilia Cacheda tras oficializarse a súa continuidade no club. “Sentinme moi cómoda en todos os sentidos, tanto no pobo como coas compañeiras, como no equipo a nivel de xogo” engade. Nas súas palabras: “Deume unha estabilidade a nivel persoal que levaba un tempo buscando e necesitaba. Creo que iso é motivo suficiente para seguir na Guarda e ter ese aliciente de querer seguir e seguir gañando, sobre todo a nivel persoal e deportivo neste equipo”.  

 Con respecto ao partido de volta dos cuartos de final da eliminatoria que afronta este domingo, a canteirá do Porriño prevé que a eliminatoria “se decidirá en pequenos detalles”. Neste sentido, explica que os últimos encontros contra o Conservas Orbe “deixaron moi claro que sempre son igualados, que se deciden neses pequenos detalles, nesas pequenas cousas”. Non gañar o pasado domingo pesa, confesa a central lalinense, que ao mesmo tempo sente esperanzada en poder cambiar o rumbo da eliminatoria este domingo: “Nós estamos bastante doídas pola derrota do partido de ida. Creo que ao final o formato é un pouco raro, pero estamos dispostas e preparadas para gañar neses 60 minutos e despois poder gañar na prórroga”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario