BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés apura a súa última bala para meterse nas semifinais da eliminatoria
• O partido terá lugar este domingo (14:00 horas) no Municipal do Porriño
• O Mecalia Atlético Guardés está obrigado a gañar para forzar unha prórroga e ter así opcións de estar en semifinais
Redacción / Deportes
Gañar ou gañar. Non hai outra fórmula para acceder ás semifinais da eliminatoria. O Mecalia Atlético Guardés tratará este domingo (14:00h) de darlle a volta aos cuartos de final. Non será fácil. O Conservas Orbe Rubensa BM Porriño ten ao seu favor o factor cancha, ademais da primeira vitoria (29-30) no partido de ida. Con todo, o conxunto do Baixo Miño non baixará os brazos para conseguir o obxectivo: de entrada, forzar unha prórroga para manter intactas as opcións de lograr o pase. Este segundo asalto é o Partido Estrela da xornada, polo que se poderá ver en directo en Teledeporte.
A derrota pola mínima do pasado domingo foi un xerro de auga fría para o equipo. Vencer en casa significaba un gran paso cara á clasificación en semifinais, pero o Mecalia Atlético Guardés afronta agora o presente e pensa no pasado só para aprender dos erros. Con esta máxima, o conxunto miñoto adestrou nunha semana na que se preparou a conciencia o encontro deste domingo. Un duelo histórico, debido ao novo formato da competición, que pode servir ás miñotas para pasar páxina e lograr unha motivación extra para o que resta desta fase de liga.
Achégase un novo derbi galego, un novo encontro co que vibrar e sentir o mellor balonmán. Cristina Cabeza volverá contar con todo o seu persoal para este encontro. Con todo aínda por decidir, a este equipo sóbranlle ganas e talento para poñer a balanza do seu lado.
Cristina Cabeza: “O equipo está ao 200 % para tentar conseguir unha vitoria en Porriño pasar a semifinais”
Cristina Cabeza espera un partido “moi parecido ao da ida”. Neste sentido, explica que “xa viñamos dicindo, a semana pasada, que se ía a decantar por un equipo ou por outro por pequenos detalles e creo que así foi”.
A preparadora recoñece que “despois de tres ou catro semanas sen competir, quizais cometemos moitos erros”, pero sostén que se tiveron en conta para traballar esta semana, na que o equipo adestrou “moi serio, convencido de que son 60 minutos que temos que tentar gañar ao rival e a partir de aí ir á prórroga e ver que pasa”. Sentenza, así mesmo, que o conxunto do Baixo Miño está “ao 200 % para tentar conseguir unha vitoria en Porriño e pasar a semifinais”.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola.
Partido de volta, cuartos de final da eliminatoria.
Conservas Orbe Rubensa BM Porriño – Mecalia Atlético Guardés.
Domingo, 28 de abril, ás 14:00 horas, no Pavillón Municipal do Porriño.
En directo, por Teledeporte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario