11 de xan. de 2025

TUI

A Biblioteca Municipal entregou os diplomas á vintena de persoas que máis libros retirou no 2024  

 Coincidindo co Día dos Usuarios tamén recoñeceu o labor de Ramón Amado no bo funcionamento da Casa dos Libros Orfos  

 

A Biblioteca Municipal de Tui fixo entrega esta mañá, coincidindo co Día dos Usuarios das Bibliotecas,  dos diplomas á vintena de persoas, na categoría infantil e adulta, que máis libros retirou en préstamo no 2024. Tamén recoñeceu o labor de Ramón Amado, pola súa contribución desinteresada ao bo funcionamento da Casa dos Libros Orfos

Foto. C.T.

Infogauda / Tui

 A Biblioteca Municipal de Tui fixo entrega esta mañá, coincidindo co Día dos Usuarios das Bibliotecas,  dos diplomas á vintena de persoas, na categoría infantil e adulta, que máis libros retirou en préstamo no 2024. Os lectores e lectoras recoñecidas hoxe tamén recibiron un libro como agasallo, nun acto no que participaron o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o persoal do centro bibliotecario tudense.  

 Ao longo dos últimos doce meses a biblioteca tudense prestou máis de 18.279 exemplares.   

 Na categoría infantil, o neno que máis títulos retirou ten 11 anos, e leu 287 libros nun só ano. A décima nena que recibiu o diploma ten 8 anos e retirou 116 exemplares.   

 Dentro da categoría adulta, 110 foron os libros que leu o primeiro, con 69 anos; e 54 títulos retirou o noveno, de 87 anos.   

 Nun acto que reuniu a maiores e pequenos cunha grande paixón pola lectura, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reflexionou sobre a “gran responsabilidade que teñen as familias de inculcar aos nosos fillos e fillas o hábito pola lectura, nun contexto complicado onde o dixital absórbeo todo”. Destacou ademais “o servizo que presta este espazo, que potencia aínda máis este hábito”.   

Recoñecemento a Ramón Amado  

 A Biblioteca Municipal recoñeceu tamén hoxe o labor de Ramón Amado pola súa contribución desinteresada ao bo funcionamento da Casa dos Libros Orfos, situada na praza da Inmaculada. Nun dos antigos quioscos da praza habilitouse o ano pasado un espazo de intercambio de libros que conta con gran acollida pola cidadanía.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario