BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés atascouse ante o Málaga (35-29)
• O conxunto andaluz dominou durante os dous actos
• Pauli Fernández e Ania Ramos foron determinantes para o equipo do Baixo Miño
• O Mecalia Atlético Guardés volverá xogar o vindeiro sábado (17:30 horas) contra o Porriño
Redacción / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés non conseguiu frear o ataque do Costa do Sol Málaga e caeu na súa pista (35-29), nun encontro no que foi case sempre a remolque no marcador, pero no que nunca deu a batalla por perdida.
Comezou abrindo a lata o conxunto local cun lanzamento á rede de Silvia Arderíus no primeiro ataque do partido. Ao Mecalia Atlético Guardés custoulle case tres minutos estrearse no marcador. Fíxoo a través de María Palomo, que logrou quebrantar unha defensa do Málaga que se mantivo a un altísimo nivel durante todo o encontro.
O Mecalia Atlético Guardés foi a remolque durante os primeiros 10 minutos, pero nunca baixou os brazos. O partido definiuse nun intercambio de golpes, cun gran ritmo e intensidade por parte de ambos os conxuntos. O cadro miñoto logrou reducir unha distancia de catro goles en pouco máis de cinco minutos, pasando dun 9-5 ao empate 10-10. Cecilia Cacheda dirixiu con firmeza o ataque das xogadoras galegas, que souberon atopar espazos para facer dano ao equipo local, mentres que Míriam Sempere impedía que aumentase a súa renda. Esta dinámica obrigou a Suso Gallardo a pedir tempo morto. Con todo, o Mecalia Atlético Guardés continuou moi enchufado e conseguiu distanciarse pola mínima pouco despois (11-12), antes de chegar ao minuto 20.
O encontro renovouse con moita intensidade. O Málaga apertaba no seu feudo e volvía darlle a volta ao marcador. A súa sólida defensa forzaba o pasivo do Mecalia Atlético Guardés constantemente, obrigando ás xogadoras do Baixo Miño a acabar as xogadas desde posicións complicadas e con baixas probabilidades de anotar. Tras o empate, o equipo andaluz mostrouse moi eficaz para portería, o que xunto á súa boa defensa posibilitou que lograse un parcial de 5-0 ata o asubío final da primeira metade. O Mecalia Atlético Guardés perdía 16-12 no ecuador do partido.
A pesar de que o Málaga terminou o primeiro acto vencendo, había esperanza para as xogadoras do Baixo Miño. Blazka Hauptman marcou o primeiro gol da segunda metade. Con todo, as do Málaga volveron ao 40×20 moi enchufadas a reanudación, con dous goles de Gabriela Bitolo e Elena Cuadrado, pero o Mecalia Atlético Guardés respondeu con outros dous tantos de Ania Ramos ao contraataque, un auténtico correcamiños que non fallaba. Pero tampouco o facía a brasileira Gabriela Bitolo, determinante para que o Costa do Sol conseguise unha vantaxe de 6 goles no minuto 38. Con todo, nada estaba decidido, pois segundo avanzaba o partido o Mecalia Atlético Guardés apertaba e íase acercando ao marcador.
As xogadoras do Baixo Miño non se rendían ante as panteras. María Sancha e África Sempere foron claves no conxunto galego, reducindo distancias en ataque. Con todo, o Mecalia Atlético Guardés non acababa de atoparse en defensa e o cadro malacitano anotaba sen moita dificultade. Deste xeito, a 10 minutos do final, Cristina Cabeza pediu tempo morto para tratar de reducir o 30-25 que reflectía o marcador. O partido renovouse con gol da malacitana Soledad López e respondería anotando Pauli Fernández para o Mecalia Atlético Guardés. Cun parcial 3-2 en catro minutos, Suso Gallardo pediu tempo morto. A pesar de que o partido se renovou cunha gran parada de Estela Carrera a uns 7 metros de Gabriela Bitolo, o conxunto local continuou alargando a súa vantaxe e non cedeu o partido, que terminou con derrota para o Mecalia Atlético Guardés (35-29).
O Mecalia Atlético Guardés volverá xogar o vindeiro sábado (17:30 horas) contra o Conservas Orbe Rubensa Porriño, no pavillón municipal A Sangriña, no Partido Estrela da xornada 21.
FICHA TÉCNICA
Costa do Sol Málaga (16+19): Gabriela Clausson (9), Estela Doiro (2), Elisabet Cesáreo (1), Silvia Arderíus (5), Soledad López (7), Sara Bravo, Elena Cuadrado (1), Estitxu Berasategi, Rocío Campigli (2), Bárbara Vela, Isabelle Dos Santos (3), Mercedes Casteláns (p.), Virginia Fernández (p.).
Mecalia Atlético Guardés (12+17): Míriam Sempere (p.), Cecilia Cacheda (2), María Palomo (1), África Sempere (4), Cristina Cifuentes (2), Itziar Martínez (3), Ania Ramos (6) -7 titular- María Sancha (4), Blazka Hauptman (1), Estela Carrera (p.), Paula Fernández (7), Elena Amores, Sandra Radovic, Andreza Costa Almeida, Venera Surján.
Parciais: 2-1; 6-4; 10-7; 11-12; 14-12; 16-12 (descanso); 19-15; 21-17; 25-21; 30-25; 33-27; 35-29 (final).
Árbitros: Tania Rodríguez e Lorena García. Amoestaron con tarxeta amarela á local Estitxu Berasategi (min. 3); á visitante Itziar Martínez (min.5) e ao adestrador local Suso Gallardo (min. 39). Excluíron con dous minutos ás visitantes Itziar Martínez (min. 13) e María Palomo (min. 57); e á local Sara Bravo (min. 28).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 da liga Guerreiras Iberdrola, disputado na Cidade Deportiva de Carranque.
Ningún comentario:
Publicar un comentario