5 de mar. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A comunidade de Montes de Camposancos emprega un rabaño de cabras para limpar o monte de maleza 

 Mediante un innovador sistema que mantén aos animais monitorizados de xeito telemático


 Ensaio de pastoreo con cabras no Campo de Chans

Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos

 O labor de pastoreo e gandería extensiva para a prevención de incendios e a eliminación de especies invasivas é unha práctica tradicional no medio rural. En moitos países, o Estado permite a ocupación de áreas forestais, máis ou menos extensas, a empresas gandeiras para labores de pastoreo. Este labor ten moitos beneficios ambientais pois contribúe a limpar o monte de material combustible, favorece a biodiversidade, axuda ao abono e dispersión de sementes, mellora a estrutura do solo, reduce a erosión e a desertización, evita o emprego de produtos químicos moi nocivos e perxudiciais como é o glisofato e convirte aos gandeiros e pastores en vixiantes permanentes das agresións que o monte poida sufrir.  

 Por moitos deses motivos, a Comunidade de Montes de Camposancos está a ensaiar o pastoreo con cabras en áreas determinadas no monte Tegra para limpeza de maleza e erradicación de especies invasoras como a acacia. Para isto vén de contratar un servizo especializado en pastoreo telemático. Mediante unha aplicación informática, permite ubicar o rabaño nunha parcela de monte delimitada virtualmente por GPS,  e controlar a posición de cada animal en tempo real, e mesmo recibir unha notificación no teléfono móbil en caso de que suceda algún imprevisto ou incidente.   


No triángulo de cor azul, delimitación virtual por GPS, dos valos da parcela onde está actuando o rabaño de gando caprino

 

 Cada animal leva prendido un colar que contén o dispositivo de rastrexo, unha batería que o mantén activo e paneis solares que carregan as baterías de 20Ah. Os animais aprenden a interpretar un aviso sonoro previo cando se aproximan ao límite da parcela virtual, para así evitar o pulso eléctrico que se activa caso de pasar fóra do límite marcado dixitalmente. Aínda que este método precisa dun adestramento previo, que se realiza durante unha semana aproximadamente, segundo o responsable do sistema informático. “El primer día aprenden a darse la vuelta para evitar el pulso eléctrico, pero necesitan algunos días más para convertirse en expertos”, afirma.

 A Comunidade de Montes de Camposancos actúa na liña dos estudos realizados pola profesora da Universidade de Santiago, Rosa Mosquera, que demostran que limpar o monte mediante o pastoreo con gando é dez veces máis barato que desbrozalo mecanicamente. Ademais, este sistema, agora en período de ensaio, permite localizar, monitorizar e coidar do gando dun xeito sinxelo e manter os animais dentro dunha área designada sen necesidade de vixianza presencial, utilizando valos virtuais previamente delimitados por GPS.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario