28 de ago. de 2024

A GÁNDARA (SALCIDOS)

As Festas das Mercedes animarán o mes de setembro   

 Con actividades culturais, deportivas, festivas, gastronómicas e de lecer


O alcalde e membros do goberno municipal, con Juan Carlos Gómez Martínez, membro da Asociación Cultural e de Veciños O Percamino, na presentación da programación das Festas das Mercedes, 2024

Foto: C.A.G.



Infogauda / A Gándara (Salcidos)

 As Festas das Mercedes, da Gándara traerannos un mes de setembro cheo de actividades culturais, deportivas, festivas, gastronómicas e de lecer, para todos os públicos.




 En realidade, a programación comezará este mesmo sábado 31 de agosto, coa VII Baixada das carrilanas, desde a praza Avelino Vicente, pola rúa Concepción Arenal e ata a rúa do Porto.




 Unha semana despois, na rúa As Pozas (A Gándara), celebrarase o XV Torneo da cachiza,  e haberá que agardar ata o sábado 14 para XXII edición da Carreira pedestre popular Julia Vaquero, e a XII edición do serán.




 A música e baile non quedan aí, xa que o domingo 15, ás 19.00 horas, actuará a escola de danza Attitude, seguida da actuación cómica dos regueifeiros Os veciños do Luar. Nin máis nin menos que Luís O Caruncho e Bieito Lobariñas.



 Na semana seguinte, o venres 20 de setembro,  a partir das 18:00 horas, na praza dos Seixiños, teremos a XXXVI edición da Festa da Zorza. 

 Asemade, os días 20, 21 e 22 de setembro, no Centro Social da Gándara, exposición de maquetas de barcos, da autoría de Jesús María Vicente Goyás.






 A verbena - cos grupos Takicardia e América - celebrarase o sábado 21, e xa o domingo 22 ás 12:30 horas, a tradicional misa solemne e procesión. E na tarde dese día, desde ás 17:00 horas, continuarán as actividades programadas cos xogos populares e as 20:00 horas, actuación do escola de danza Dansá.


 O peche definitivo das festas chegará o 28 de setembro, ás 15:00 horas, co I Trofeo Ciclista Aser Estévez, que disputarase en circuito urbano. Poderán participar ciclistas federados das seguintes categorías: promesas, principiantes, alevíns, infantiles, cadetes, féminas, juniors, e elites-sub 23.

Ningún comentario:

Publicar un comentario