5 de mar. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

AS MULLERES CAMPOSINAS E O CAMPO DE CONCENTRACIÓN

Historias de solidariedade e resistencia

 Tema que abordará José Antonio Uris Guisantes, o venres día 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos




Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Recuperar á memoria é un labor arduo e necesario, ainda que non sempre conte coa anuencia dos que ostentan - ou ostentaron outrora - o poder, xa sexa económico, político, relixioso,..., ou de calquera outra índole. 

 No termo municipal de A Guarda, a Comisión Pro-Fosa Común foi pioneira no que desde fai anos vén denominándose a nivel do estado español, recuperación da memoria histórica.

 A existencia dun campo de concentración franquista - desde maio de 1937 ata 1941 - no vello colexio dos xesuitas, no barrio da Pasaxe (Camposancos), puxo en evidencia a estratexia de exterminio e de terror, ideada polos sublevados contra o lexítimo Goberno da IIª República española. 

 Moito se ten escrito e falado respecto ao número de prisioneiros que estiveron no campo de concentración de Camposancos, e en menor medida, de que como mália á vixilancia militar, moitas mulleres da contorna estableceron unha rede de apoio e solidaridade cos presos na "Porta do Inferno", como así lle chamaban ao referido campo de concentración. 

 En todo caso, o relato non se perdeu. De feito sabemos que arriscando súa propia integridade física e mesmo súa autonomía persoal, mulleres mozas de Camposancos, Salcidos e A Guarda, lavábanlles as roupas aos presos republicanos e mesmo se podían, levábanlles algo de comida. Como mostra de agradecemento, os prisioneiros dábanlles algún detalle feito por eles mesmos. Algunhas desas mulleres - entre elas miña nai - eran traballadoras en Serrerías del Miño, S.A., de don Constantino Candeira, e tamén da fábrica de cal "La Camposina".

 Polo seu apoio aos prisioneiros republicanos, aquelas mulleres teñen ben merecido figurar na memoria  histórica do noso pobo.

 E por esa razón, entre outras máis, este venres día 8 de marzo - Día Internacional da Muller -, ás 20:00 horas, na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, haberá unha conferencia a cargo de José Antonio Uris Guisantes, que versará sobre o tema: As mulleres camposinas e o campo de concentración. Historias de solidariedade e resistencia. 

 Presentará o acto a profesora Yoya Vázquez Castro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario