21 de set. de 2024

VIVENDA

A GUARDA: VILA CON AMPLA OFERTA DE OPORTUNIDADES INMOBILIARIAS

 Na actualidade hai unhas 1.700 vivendas baleiras, das cales máis de 200 están en venda

•  Os prezos dos alugueres resultan excesivos para ás economías máis modestas


A que fora Casa dos Candeira, propiedade desde fai décadas, da familia Martín Goyás, tamén está en venda
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No concello de A Guarda, na provincia de Pontevedra, vila de indubidable atractivo, pola súa situación xeográfica e polo seu clima suave, dáse un tremendo paradoxo: desde fai tempo, atopar unha vivenda - en bo estado de conservación e habitabilidade, e a un prezo asumible - en aluguer para todo o ano, resulta labor pouco ou nada doada.

 Ao mesmo tempo, hai arredor de 1.700 vivendas deshabitadas. 

 Asemade existen máis de 200 vivendas - en comunidade e unifamiliares - en venda.

 Entre esa cantidade de propiedades en venda hai casas indianas, con maior ou menor superficie construída, e mesmo con diferentes superficies de terreo anexas; hai un inmoble que pertenceu a unha comunidade de relixiosas; casas, que nalgúns exemplos en concreto, e que consideramos innecesario sermos máis explícitos, pertenceron a coñecidas familias guardesas. E que mesmo, nunha época afortunadamente superada - non sabemos por canto tempo - acolleron a un coñecido republicano que andivo fuxido pola contorna (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño,...) e a un presidente da República de Portugal, que estivo exiliado na nosa vila -. Son casas de características singulares, situadas en pleno centro da localidade, que pertenceron a coñecidas familias da burguesía local, cuxos propietarios actuais sinalaron os prezos de venda que, obviamente consideraron oportunos, pero visto o visto, polo de agora, continúan pendente de transacción.

 Hai tamén outro tipo de vivendas de características constructivas máis modestas, tanto de tipo unifamiliar como en comunidade. As ubicacións son diversas e a oferta é ampla.

 Asemade están en venda inmobles que ata fai ben poucos anos estiveron activos, a nivel industrial. 

 E mesmo un coñecido colexio - que os sublevados contra o lexítimo Goberno da II República - convertiron en campo de concentración - coñecido como "A porta do inferno" -, e desde fai anos atópase nun estado ruinoso.

 Hai, en definitiva, onde elexir, sen sairmos do termo municipal de A Guarda.

 Esa é unha realidade incuestionable, como tamén o é, que para fixar poboación, é necesario aumentar a oferta de vivendas en aluguer para todo o ano - e non soio de xuño á setembro, pensando no aluguer vacacional -, ou en propiedade, a prezos razonables. Dese xeito resulta a todas luces necesario que á Corporación Municipal de A Guarda, vaia dando pasos na dirección correcta e necesaria, para que a Xunta de Galicia e o Goberno de España saiban que na Guarda hai moita xente que está mal vivindo por ter que pagar unhas mensualidades de aluguer excesivas. 

 Velaí os tremendos paradoxos aos que nos referiamos ao comezo desta crónica.

 Se como se nos di con vacua frecuencia "(...) Todos los españoles tienen derecho a disfrutar de una vivienda digna y adecuada. Los poderes públicos promoverán las condiciones necesarias y establecerán las normas pertinentes para hacer efectivo este derecho, regulando la utilización del suelo de acuerdo con el interés general para impedir la especulación. La comunidad participará en las plusvalías que genere la acción urbanística de los entes públicos. (...)" -, como se reflicte no artigo 47 da Constitución española, dános a impresión que na vila de A Guarda ese dereito non se cumple.

 Por esa razón, e diante de situacións familiares e persoais que non é necesario - nin procedente -referir, pero que sí son doadamente constatables; exhortamos ás autoridades correspondentes (Concello de A Guarda, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Gobierno de España), a que sen ningún tipo de demora, poñan solución ao problema de vivenda existente nesta localidade.

 Ese é o paradoxo: moitas vivendas en venda. Moitas vivendas baleiras. E moitas familias sobrevíndo a duras penas, pagando uns alugueres cuns importes que se levan o 50 por cento dos ingresos da unidade familiar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario