20 de mar. de 2024

PONTEVEDRA

O subdelegado do Goberno convoca en Pontevedra un minuto de silencio en repulsa polo asasinato machista de Andrea Yrrury     

· A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou esta mañá como caso de violencia machista a morte da veciña de Ribeira  

· 68 mulleres faleceron en Galicia desde que existen estatísticas oficiais  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu esta mañá en Pontevedra o minuto de silencio en sinal de condena e de dor polo asasinato de Andrea Yrrury
Foto: S.de G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu esta mañá en Pontevedra o minuto de silencio en sinal de condena e de dor polo asasinato de Andrea Yrrury, ocorrido onte na localidade de Palmeira, no concello coruñés de Ribeira. Ao acto estaban convidados persoal da Subdelegación, das Forzas e Corpos de Seguridade e representantes do Concello de Pontevedra e da Deputación. O subdelegado manifestou “a repulsa total do Goberno” ante este asasinato machista e reiterou o seu compromiso “para seguir traballando todos os días e sen descanso na erradicación de calquera forma de violencia sobre as mulleres”. Antes de gardar o minuto de silencio, Abel Losada trasladou as súas condolencias e o seu afecto á familia de Andrea.  

Confirmación  

 A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero cualificou esta mañá o crime de Andrea Yrrury, de 24 anos, como crime machista, o que o converte no 68º cometido en Galicia dende o ano 2003. Con Andrea, son 7 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano en España. Desde o inicio das estatísticas en 2003, 1.247 mulleres foron asasinadas en España por crimes machistas.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario