8 de feb. de 2024

VIGO

O comité de Vitrasa agarda que a próxima xuntanza coa mediación permita desbloquear o conflito tras rebaixar as súas pretensións económicas  


Membros do comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano na cidade de Vigo
Foto: Cedida

Comité de empresa de Vitrasa

 O comité de empresa de Vitrasa móstrase optimista para a reunión de mediación deste venres. Acudimos á reunión coa máxima flexibilidade para poder atopar un acordo temporal ao conflito no que nos atopamos e que afecta gravemente á cidadanía e aos/as traballadores/as. Esperamos que a dirección acuda coa mesma actitude que o comité e cambie a rixidez das reunións anteriores. 

 O comité fixo un esforzo enorme rebaixando as súas pretensións económicas cunha proposta que permita desbloquear o conflito e paralizar a folga: o 3% de subida salarial para o ano 2021 e o 3% para 2022, cando a perda de poder adquisitivo dos/as traballadores/as nestes dous anos é de máis do 12%, e a día de hoxe ascende ao 16,1%.  

 Sabemos que a empresa se atopa cómoda cos servizos mínimos postos polo Concello á carta xa que con 49 autobuses diarios cheos de pasaxeiros/as a súa rendibilidade aumenta considerablemente e ademais o máximo responsable do transporte urbano, Abel Caballero, até o de agora non lles esixe repoñer o servizo. Esperamos que o alcalde obrigue a empresa para poñer fin ao conflito, xa que a nosa solicitude é máis que razoable. 

 Hai que lembrar que desde este pasado luns a tarifa do autobús subiu de 1,49€ a 1,57€ un 5,3% (16,3% nos últimos tres anos), que proximamente a empresa recibirá un novo reequilibrio millonario, polo que este debe repercutir tamén nos traballadores/as. 

 O transporte público de Vigo non pode estar un día máis de folga polos problemas económicos dunha empresa privada e a viabilidade desta non pode pasar por reducir servizos, empobrecer aos seus traballadores/as e recibir constantes reequilibrios da administración. Así mesmo, non entendemos como en moitas cidades o número de viaxeiros aumenta considerablemente nos últimos anos e en Vigo segue estancado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario