8 de feb. de 2024

GALICIA

Os premios Empréganos recoñeceron ás empresas lucenses comprometidas coa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental 

Lacera, Extel, Calfensa, Juntos Somos Capaces e Encarna Lago González, foron as empresas e persoas premiadas nun acto que congregou a máis de 100 asistentes no Vello Cárcere de Lugo 


Autoridades, representantes de empresas premiadas e de Saúde Mental FEAFES Galicia, no acto de entrega dos Premios Empréganos

Ana Escrigas Rodríguez / Lugo 

 Na xornada de onte, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a segunda edición dos seus Premios Empréganos, que teñen como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas favorecedoras da inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.  

 Na categoría Gran Empresa resultou premiada Lacera, polos bos resultados colleitados nos anos de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia e polas numerosas insercións laborais, que desembocan en contratos estables, prácticas e convenios. O premio á PEME Emprego Protexido foi para Extel, da que destaca a implicación e personalización nos procesos de selección, na acollida que se fai ás persoas traballadoras e nos seus seguimentos individualizados. Calfensa recibiu o premio Emprego Verde polos máis de 10 anos de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia a través de insercións laborais, prácticas, visitas á empresa e firmas de convenios, así como por favorecer a continuidade das persoas contratadas. 

 Como Programa Social, recoñeceuse a Juntos Somos Capaces da Fundación Mapfre, que destaca por favorecer a realización de prácticas non laborais en empresas e polo emprego con apoio ás persoas traballadoras que o precisan, non só en Lugo senón tamén en toda Galicia. Na categoría de Persoa Referente, foi premiada Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, en recoñecemento ao seu compromiso persoal, implicación e preocupación polo ambiente laboral e pola saúde mental das persoas, así como pola súa filosofía de integración da diversidade.  

 Na súa intervención, o vicepresidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Manuel Fernández Prado, sinalou que ao longo do 2023, a entidade axudou a 774 persoas con problemas de saúde menta a lograr un emprego en toda Galicia (157 na provincia de Lugo), o cal representa o 62% das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao 17,5% de inserción laboral xeral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas multiplícanse exponencialmente.    

 No acto interviño tamén Manuel López, representante das persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia, que puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, canto máis das que teñen un problema de saúde mental. López pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no eido laboral.  

 Ao acto acudiron tamén a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo; a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López; o tenente de alcaldesa, Mauricio Repetto; a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro; o Deputado da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez; a Secretaria Xeral de Igualdade, Sandra Vázquez Domínguez; e a Directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado Lago. Houbo tamén persoal técnico, directivo e persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións, así como a presenza de múltiples empresarios e empresarias da zona, contando cun total de máis de 100 asistentes. 

O emprego, un camiño cara a normalización 

 A baixa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental é unha das principais barreiras coas que se atopa este colectivo de cara á súa integración social, debido en gran medida aos prexuízos que aínda existen no eido empresarial e na sociedade en xeral.  

 Segundo datos do INE do 2023, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17,5%, sendo a máis baixa de todas as discapacidades. Non obstante, segundo a experiencia de Saúde Mental FEAFES Galicia, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario