O Plan de Compostaxe Municipal de Tui exemplo de boas prácticas
• Nunhas xornadas técnicas en Asturias
Infogauda / Tui
A experiencia de compostaxe que se desenvolve no concello de Tui dentro do Plan de Compostaxe Municipal, foi dada a coñecer hai un días en Asturias coma exemplo de boas prácticas.
A mestra composteira de Tui, Sara Luque, representando ao Concello de Tui, presentou a experiencia tudense nas xornadas inaugurais da Campaña de Compostaxe Doméstico e Comunitario de COGERSA (Consorcio para la Gestión de los Residuos Sólidos de Asturias).
Sara Luque describiu o plan de xestión de Tui como exemplo de éxito na xestión de biorresiduos. Así detallou coma o Plan de Compostaxe Municipal de Tui ten nestes momentos máis de 600 composteiros individuais rexistrados nas distintas parroquias tudenses aos que se suman os seis Centros de Compostaxe Comunitaria situados no lateral e traseira do edificio Francisco Sánchez; a carón da praza de Abastos: e nas rúas Ourense, Mártires de Sobredo e Tenencia; e o Centro de Compostaxe Veciñal situado na Pousa do Bispo. Tamén deu conta do servizo de cesión de uso de biotrituradoras para a cidadanía que ten en marcha o Concello de Tui e que permite facer unha xestión axeitada dos restos de poda.
Tras a intervención da técnica de Tui as persoas asistentes manifestaron o seu interese no Plan de xestión de biorresiduos de Tui, e formularon diversas consultas para aclarar dúbidas co fin de implantar un programa de compostaxe nos seus municipios.
Nas xornadas participaron a xerente de COGERSA, Paz Orviz, explicando os obxectivos desta actividade; así coma o director general de Calidade Ambiental do Principado de Asturias, Pablo Luis Álvarez Cabrero, que expuxo o marco legal e as medidas que ía adoptar o Principado para a aplicación da normativa na xestión de biorresiduos. Outras ponencias correron a cargo de Ricardo Rodríguez Herrero, xestor de COGERSA encargado do programa de compostaxe comunitario do consorcio; ou Helena Fernández, xefa de sostibilidade de COGERSA; que abordaron tanto as accións para facilitar a implantación de áreas de compostaxe comunitaria nas entidades locais, coma o programa de compostaxe doméstico do consorcio que nos últimos 15 anos entregou 17 mil composteiros individuais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario