12 de feb. de 2024

TUI

A tudense Uxía Rodríguez vai presentar por vez primeira a súa obra artística

 A exposición inaugurarase este xoves, 15 de febreiro, ás 19.30 h, na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio “Francisco Sánchez”




Infogauda / Tui

  Este xoves, 15 de febreiro, ás 19.30 h, na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio “Francisco Sánchez”, inaugurarase a exposición “Natural artificial”, da tudense Uxía Rodríguez. No deu debut expositivo presenta unha selección de obras realizadas en diferentes disciplinas artísticas (principalmente pinturas acrílicas, ao óleo, fotografía e debuxo),    dende que comezou a carreira de Belas Artes ata a actualidade. 

 Uxía Rodríguez é unha artista de 25 anos, orixinaria de Randufe (Tui). Ao terminar bacharelato realizou o ciclo de xestión de vendas e espazos comerciais pero a súa paixón sempre foi á creación artística, motivo polo cal realizou a carreira de Belas Artes, en Pontevedra. Foi na facultade onde pouco a pouco descubriu cara onde quería que se dirixira a súa produción artística. 

 Nas obras desta exposición Uxía Rodríguez explora o mundo dunha maneira distinta, centrándose nos detalles máis pequenos que pode observar a simple vista, e en como conviven o natural e o artificial. Poderíase dicir que a súa obra é un xeito de mostrarmos a súa maneira de ver o mundo.  

 Uxía Rodríguez comenta que “o nome da exposición ven dado por unha das obras máis relevantes da exposición, un conxunto de 10 pinturas que formaron o Traballo de Fin de Grado (TFG) da artista. Aínda que nun principio era o nome de unha obra concreta decidiu resignificalo para toda a exposición, en parte por que o TFG foi o culmen do seu paso pola universidade, pero tamén porque como nos ensinou René Magritte na sua obra Ceci n’est pas une pipe (Esto non é unha pipa) unha pintura non é o que representa, así por moito que as obras representen elementos naturais a pintura e artificial. Así esta exposición pretende principalmente dúas cousas: ser unha recompilación de obras, e mostrar e facer reflexionar sobre o natural e o artificial, sobre onde están os límites que separan estes conceptos” .  

  Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, congratúlase de acoller a mostra desta moza tudense que abre así a súa andaina no mundo da arte, cunha proposta moi persoal. Asemade, a concelleira afirma: “Unha das principais misións deste espazo expositivo do Concello de Tui é apoiar e promover aos artistas tudenses e moi especialmente aos novos valores que poidan atopar nesta sala un lugar onde amosar a súa capacidade creativa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario