12 de feb. de 2024

TUI

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lamenta o emprego electoralista do PP dunha medida clave para Tui

•  O equipo de goberno municipal quere poñer en valor o traballo dos técnicos municipais e dos profesionais que contribuíron a redactar o plan de dinamización da área REXURBE. Tui necesita que a Xunta dea resposta a demandas históricas da súa competencia


Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tui
Foto: GM PSOE

Infogauda / Tui

  O equipo de goberno do Concello de Tui lamenta profundamente o rédito electoral que pretende sacar o Partido Popular de Galicia da aprobación do Plan de dinamización da área REXURBE cando se trata dun proxecto impulsado polo Concello de Tui e froito do traballo realizado polos técnicos municipais e polos profesionais contratados polos tudenses para a súa elaboración.  

 Todos somos conscientes que en datas electorais os partidos políticos tratan de conseguir o maior número de votos. O que non se pode permitir é que Tui sexa obxecto dunha campaña política que invisibiliza o traballo do equipo de profesionais municipais e externos que foron quen de redactar o documento que vén de acadar o visto bo da Xunta, casualmente un mes antes das eleccións e non sen poucos recortes logo de máis dun ano e medio de espera”, indican desde o executivo municipal, nunha nota feita pública no día de hoxe.  

 Asemade, o alcalde, Enrique Cabaleiro, sen ánimo de facer electoralismo con este proxecto, agradeceu nos medios o traballo de todos os implicados nesta medida clave para Tui e que vai a supoñer a transformación do conxunto histórico. Lonxe de corresponder a esta xentileza, a Xunta de Galicia, representada no partido que a goberna, o Partido Popular, decidiu vir sacarse fotos na zona vella para facer electoralismo barato. É de moi pouca altura institucional ter unha posición marcada polas ideoloxías e o partidismo sen facer o mellor polos cidadáns.  

 Aproveitando a ocasión, dende o goberno municipal queremos recordarlle á Xunta de Galicia gobernada nos últimos 15 anos polo Partido Popular, que en Tui teñen demandas históricas da súa competencia sen atender aínda, como é o caso do colexio de Pazos de Reis que segue sen solución, cando se leva prometendo por ese mesmo partido desde o ano 2016 un novo colexio, recordámoslle pois que unhas instalacións dignas para os alumnos non poden depender de partidismos. Tui segue sen ter unha residencia pública para os nosos maiores, e os coidados non poden ser tampouco unha cuestión partidista. Tampouco chegou a prometida segunda gardería, tan importante tanto para os nosos pequenos como para a conciliación familiar dos tudenses. O Polígono industrial de Areas leva anos solicitando unha mellora nas súas infraestruturas cada día máis deficientes. Pedímoslle á Xunta de Galicia que non se confunda, que se deixe de partidismos, de propaganda electoral, que asuma as súas competencias e que comece a cumprir as promesas que fai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario