29 de feb. de 2024

TOMIÑO

Tomiño camiña ‘Pasiño a pasiño’ cara a unha vida máis saudable  

 Comeza en marzo un programa de andainas guiadas por profesionais da saúde aberta a todos os públicos  

 Realizado pola enfermeira ESAD Crisa García, e a fisioterapeura Margarita Prego, as saídas serán todos os xoves ás 12.00 h dende o Centro de Saúde  




Infogauda / Tomiño 

 Tomiño prepárase para camiñar ‘Pasiño a pasiño’ cara a unha vida máis saudable. Concello e Sergas colaboran nun novo programa de andainas guiadas por profesionais da saúde realizado pola enfermeira ESAD Crisa García, e pola fisioterapeuta Margarita Prego, co que se busca promover e fomentar unha vida activa e hábitos máis saudables entre tomiñeses e tomiñesas.  

 As actividades consistirán en andainas guiadas pola contorna de Tomiño que incluirán exercicios de forza, equilibrio e estiramentos e conversas sobre como implementar hábitos sans na vida diaria. As saídas serán todos os xoves a partir do 7 de marzo dende o Centro de Saúde de Tomiño de 12.00 a 13.00 horas. Están destinadas a público xeral e non será necesaria inscrición previa coa finalidade de facer accesible a participación de toda a veciñanza que estea interesada.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expresou a importancia de realizar este tipo de iniciativas para fomentar a actividade física e os hábitos saudables entre tomiñeses e tomiñesas, “actividades que permiten a toda a veciñanza pensar na súa saúde e no seu benestar, nun ambiente enriquecedor e guiado por profesionais cualificadas en cada paso do camiño”. 

 O Concello convida a todas as persoas interesadas a sumarse a estas andainas e participar activamente na promoción dunha vida máis saudable e activa para todos os tomiñeses e tomiñesas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario