26 de xul. de 2026

A GUARDA

A FESTA DO PEIXE ESPADA DESPEDIUSE ESTE DOMINGO ENTRE FOGÓNS E MÚSICA NA PRAZA DE SAN BIEITO  

  Case vinte restaurantes locais levan á mesa a especie estrela da frota de Orpagu e a Banda de Acordeóns Metropolitana pechou a festa na praza de San Bieito 

  O volanteiro Piueiro retomou pola mañá as saídas ao mar tras a suspensión de onte pola tarde polo vento

  

O peixe espada, a estrela da carta de numerosos restaurantes na Guarda
O volanteiro Piueiro esta mañá chegando do seu percorrido 

 Mar Bermúdez/A Guarda 

 A edición 2026 da Festa do Peixe Espada chegou hoxe á súa última xornada coa protagonista de sempre nos pratos: a especie estrela da frota da Guarda. A despedida repártiuse entre o mar, os fogóns dos restaurantes da vila e a praza de San Bieito, onde a música puxo o broche de ouro á celebración deste ano coa Banda de Acordeóns Metropolitana. 

 Preto de dúas ducias de establecementos da Guarda sumáronse este ano á festa cunha carta construída arredor do peixe espada. Xunto ás elaboracións máis recoñecibles, como á prancha con cachelos e verduras, a proposta gastronómica aposta pola mestura de rexistros: dende un tiradito á chama con leite de tigre de mango en Casa Valladeiro, un panipuri con caviar de licor café en Gula, tacos ao estilo mexicano n’O Forte ou unha espada á putanesca en San Roque conviven con fideuás, empanadas, croquetas, arepas de emperador e tostas de escabeche con queixo San Simón. 

 É o produto estrela da frota de Orpagu, a organización de palangreiros da Guarda que organiza a festa, e a idea segue sendo a mesma de sempre: coller o peixe e ensinar de cantas maneiras se pode comer. Uns tíranse ao tradicional, outros experimentan e o comensal decide. 

 O peche musical chegou ás oito da tarde. A Banda de Acordeóns Metropolitana, campioa de España e do mundo en 2025, actuou na praza de San Bieito e puxo o punto final a esta edición. Antes, ás cinco, o Grupo Folclórico Trebón dos Xidos percorreu as rúas dende a praza de Avelino Vicente ata o porto. 

 E o mar volveu abrirse. Despois de que o vento obrigase a suspender onte pola tarde as saídas do volanteiro tradicional Piueiro, a asociación retomou hoxe o turismo mariñeiro. As embarcacións volven ao mar da Guarda coas saídas previstas. 

 Con esta xornada baixa o pano a XXI Festa do Peixe Espada, a cita coa que Orpagu reivindica cada verán o traballo dos seus palangreiros e o peixe que se converteu na sinatura da Guarda. Ata a de 2027

Ningún comentario:

Publicar un comentario