Concello e Comunidade de Montes aúnan forzas para crear un centro cultural en Taborda
• A actuación, que contará con fondos europeos do programa Leader, culminará o proceso de transformación do núcleo da parroquia
Infogauda/Tomiño
Taborda segue medrando. Concello de Tomiño e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común aúnan forzas para impulsar de forma conxunta a creación do futuro Centro Dotacional de Medio Rural, un equipamento que converterá o corazón da parroquia nun lugar deseñado para convivir, participar e fortalecer a vida social, cultural e comunitaria.
A actuación representa un novo fito nun proxecto de transformación iniciado hai anos coa recuperación e posta en valor de todo o espazo público da contorna do terreiro. Tras esa primeira fase, a Comunidade de Montes de Taborda solicitou unha axuda ao programa Leader 2023-2027, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), para facer realidade o novo centro cultural, unha iniciativa que contará tamén co respaldo do Concello mediante unha subvención nominativa de 50.000 euros. Ademais, o Concello eximirá á Comunidade de Montes do pagamento da licenza municipal ao tratarse dun edificio considerado de interese público destinado ao uso de toda a veciñanza e que tamén poderá albergar actividades de carácter municipal.
O proxecto é froito dun proceso de traballo compartido que se foi construíndo ao longo dos anos coa participación activa da cidadanía. Durante este tempo celebráronse diferentes encontros coa veciñanza para presentar a iniciativa, recoller propostas e adaptar o futuro edificio ás necesidades da parroquia. Un diálogo que se mantivo tamén coa Comunidade de Montes, tanto coa actual directiva como coa anterior, e que permitiu dar continuidade a unha reivindicación histórica de Taborda.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González subliñou que “este proxecto representa a mellor expresión do que significa construír o rural desde a colaboración. É o resultado de anos de traballo compartido entre Concello, Comunidade de Montes e veciñanza para responder a unha necesidade real da parroquia”. Como recalcou a rexedora Taborda era “un dos poucos núcleos do municipio que aínda non contaba cun espazo cultural e social destas características. Este centro permitirá dispoñer dun lugar onde reunirse, organizar actividades, impartir obradoiros para maiores e cativada, fortalecer o tecido asociativo e seguir facendo comunidade”.
Sandra González puxo tamén en valor a continuidade do proxecto, unha iniciativa “na que levamos anos traballando porque existiu vontade de entendemento e de colaboración sempre coa convicción de que sumar esforzos é a mellor maneira de facer avanzar as nosas parroquias”.
O Centro Dotacional de Medio Rural será un edificio multifuncional preparado para acoller actividades sociais, culturais, formativas e asociativas, ampliando os servizos da parroquia e consolidando Taborda como un exemplo de revitalización do rural a través da cooperación institucional e da participación veciñal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario