SOS Groba e a Plataforma Turonio convocan unha xuntanza informativa aberta sobre o macroproxecto de tres centrais hidroeléctricas de bombeo na Serra da Groba
• A cita terá lugar o mércores, 29 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa Forestal de Valdarca (Oia).
Infogauda/Oia
As plataformas SOS Groba e Plataforma Turonio convocan á veciñanza e á cidadanía interesada a unha xuntanza informativa aberta o vindeiro mércores, 29 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa Forestal de Valdarca (Oia) (GPS UTM: 4649698.55 N / 511929.20 E).
O encontro ten como obxectivo informar con detalle sobre o proxecto que contempla a construción de tres centrais hidroeléctricas de bombeo de auga mariña na Serra da Groba, concretamente nas zonas de Punta Centinela, Fonte das Mañas e Portecelo.
Segundo denuncian ambas plataformas, trátase dun macroproxecto industrial que foi fraccionado en tres proxectos diferentes, presentados como actuacións independentes, malia que consideran que forman parte dunha única iniciativa de gran impacto ambiental e territorial. Na xuntanza explicaranse as características destas actuacións, o seu alcance, as posibles consecuencias para a Serra da Groba e as razóns polas que as entidades convocantes consideran que este fraccionamento resulta fraudulento.
SOS Groba e a Plataforma Turonio fan un chamamento á participación da cidadanía, dada a relevancia que este proxecto pode ter para o futuro dun espazo de alto valor natural, paisaxístico e patrimonial.
A entrada á xuntanza será libre e aberta a todas as persoas interesadas.
Datos da convocatoria
• Acto: Xuntanza informativa aberta.
• Data: Mércores, 29 de xullo.
• Hora: 20:30 horas.
• Lugar: Casa Forestal de Valdarca (Oia).
• Localización GPS UTM: 4649698.55 N / 511929.20 E.
• Convocan : SOS Groba e Plataforma Turonio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario