A GUARDA VIVIU O SEU SÁBADO GRANDE DA FESTA DO PEIXE ESPADA NO DÍA DE GALICIA
• Deporte, mar e tradición déronse cita na xornada máis intensa da festa, co torneo 3x3, ou Gran Premio Ciclista e as saídas no volanteiro tradicional
Mar Bermúdez/A Guarda
A Festa do Peixe Espada afrontou onte sábado, coincidindo co Día de Galicia, a súa xornada máis completa. Organizada por Orpagu, a cita reuniu durante todo o día actividades deportivas, culturais e mariñeiras que encheron as rúas e o porto da vila.
O deporte foi un dous grandes protagonistas da xornada. O Centro Cultural acolleu o IX Torneo 3x3 Vila da Guarda, que se prolongou desde primeira hora da mañá ata a noite, coa entrega de trofeos ás 20.30 horas. En paralelo, o CEIP A Sangriña foi o escenario do II Gran Premio Ciclista Orpagu, coas entregas de premios ás 18.00 e ás 20.30 horas.
A cultura mariñeira volveu ocupar un lugar central. A Asociación Piueiro ofreceu durante toda a xornada saídas no volanteiro tradicional para navegar polo mar da Guarda, ademais da exposición etnográfica mariñeira na sede dá entidade. Os máis pequenos tiveron o seu espazo no obradoiro infantil e no taller de cociña de Orpagu, mentres o grupo folclórico O Trebón dos Xidos percorreu a vila cos seus pasarrúas desde a praza de Avelino Vicente ata o porto.
O compoñente gastronómico foi, un ano máis, un dos grandes reclamos. O peixe espada, capturado pola flota de palangre de superficie que da identidade á vila, convértese nestes días en protagonista das cartas dos restaurantes guardeses, que preparan elaboracións especiais para achegar o produto tanto aos veciños como aos numerosos visitantes que se achegan á Guarda durante a fin de semana. É, precisamente, ese vínculo entre o mar, a flota e a mesa o que Orpagu busca reivindicar cunha festa que combina divulgación, deporte e tradición.
A xornada pechouse pola tarde-noite cunha visita guiada pola Guarda mariñeira, con capacidade limitada, que partiu do Muelle Alto e permitiu coñecer de primeira man a tradición pesqueira que da sentido a esta festa.
Co peixe espada como protagonista nos restaurantes da vila, a Festa do Peixe Espada mantén unha fin de semana na que Orpagu volve poñer en valor a gastronomía e a cultura mariñeira guardesa. A programación continúou o domingo con novas saídas mariñeiras, pasarrúas e a actuación da Banda de Acordeóns Metropolitana, campioa de España e do mundo 2025.


Ningún comentario:
Publicar un comentario