17 de feb. de 2024

SALCIDOS (A GUARDA)

FALECEU FELICIANO GONZÁLEZ OTERO

 Ex secretario xeral de Comisións Obreiras do Baixo Miño, ex concelleiro do Concello de A Guarda e ex - presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos


Feliciano González Otero
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos 

 No día de hoxe, sábado 17 de febreiro de 2024, recibimos unha triste nova: o falecemento de Feliciano González Otero.

 Para relembralo de xeito póstumo, recuperamos o que este cronista manifestou públicamente o día 1º de maio de 2015, con motivo da homenaxe que no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda, lle tributou o colectivo cívico Movimento 1º de Maio, cuxos membros, acertadamente decidiron adicarlle ese ano, o Día Internacional dos Traballadores ou Día 1º de Maio, a Feliciano González Otero. Todo un referente no movemento obreirista de A Guarda e súa contorna; motivo polo cal lle agradecemos aos organizadores, que unha vez máis contasen coa nosa participación nesa data histórica, que ten súa orixe na reivindicación da xornada laboral de 8 horas diarias, a traverso da folga xeral do 1º de maio de 1886, e nos sucesos producidos en Chicago.

Semblanza biográfica de Feliciano González Otero

 Fillo de Hermenegildo González González e de María Otero Martínez, Feliciano González Otero naceu en Salcidos (A Guarda), o día  20 de novembro de 1933. 

 Seu pai, logo de haber feito o servizo militar en África, tivo que incorporarse a contenda fraticida que houbo neste país, falecendo en 1938, ás portas dun hospital, en Teruel, a consecuencia dunha bala explosiva que recibira no abdome. Segundo testemuñas de compañeiros seus que estaban con el, no fronte de guerra en Aragón, e que visitaron a Feliciano e lle informaron do que había acontecido. 

 A consecuencia dese “gran problema”, como de xeito comedido calificou Feliciano esa desgraza familiar; María, viuva de Hermenegildo, contraeu unha enfermedade – hepatite – e faleceu os 34 anos de idade. Dese xeito, Feliciano e seus irmáns Jesús María, alias “Guerra” e Esperanza, quedaron orfos de pai e de nai. 

FORMACIÓN ESCOLAR

 Respecto a súa formación escolar, Feliciano díxonos o seguinte: “O fallarme os contactos que tiña para ingresar no seminario, e como había que procurar medios de supervivencia, fun a Escola Nacional, na que o mestre era D. Manuel, que era na Costa do Coruto. Logo ese home marchou, e víu Rogelio, o sobriño do abade D. Martín Álvarez, que enchía súa mesa de traballo de varas e pegaba aos alumnos en cantidade.

 E así foi transcorrendo á miña breve formación escolar.

 Posteriormente, como me querían introducir no ámeto eclesiástico, unha irmá de miña avóa, que tiña moita amizade con Recaredo [Álvarez], e a señorita Lola, e toda aquela xente, que buscaban á forma de ingresarme, daquela maneira, porque nos non tíñamos medios. Estando nesa situación, aconteceu o pasamento de miña nai, e todo se truncou (...)”.

 Ou sexa que escola, moi pouca, tendo que deixala con 11 anos de idade, habendo escomenzado con 9 ou 10 anos. Serían en total 2 ou 3 anos, nada máis. 

 A formación coa que conta Feliciano foina adequerindo co transcorrer do tempo. 

COMEZO DA SÚA TRAXECTORIA LABORAL

 Daquela Feliciano, que tiña tan soio 11 anos de idade, estábase preparando como antes dixemos, para ingresar no seminario, pero a consecuencia do pasamento de súa nai, xa lle retiraron dese camiño que a el lle plantexaban, e tivo que marcharse para Castela, á cabaqueira, escomenzando súa andaina laboral, como tendedor. 

 Prestou seus servizos con un traballador autónomo que lasqueaba con un socio, e Feliciano, como familiar, foi con el, logo de haber aprendido eiquí, en Salcidos, no cabanón da casa, co barro da Telleira de Amancio. E a partires desa formación, diríamos exprés, chegaría o intre da marcha pra cabaqueira, situada en Navacarros, na comarca da Serra de Béjar (Salamanca), na compaña de dous veciños seus. 

 Feliciano relembrou para este cronista que daquela el “apenas era unha criatura”, que por necesidade, escomenzaba dese xeito súa traxectoria laboral. Desa primeira “vrañada”, relembra á dureza do traballo, para o cal previamente, como xa dixemos, se había adestrado para desenvolver ás tarefas necesarias para producir cabacas – tellas – e toupos - ladrillos – á joucha. E decir, de xeito manual, sen á axuda de medios mecánicos, que iso sería moito despois. Daquela ían moitísimas persoas a lasquear nas cabaqueiras, tanto de Galicia como de outras rexións españolas. 

 Nesa época tamén houbo persoas de A Guarda, que emigraban á Brasil. Feliciano relembra a un avó seu, que o parecer, enredouse con nativas dese país, chegando a privarse da vida, pola que súa avóa levou unha gran desilusión, e a partires dese suceso, a vida dela “(...) transcorreu por outras latitudes (...)”, como nos relembrou Feliciano, o cal a pesares dese novo percance familiar, seguiría pra diante. 

 Posteriormente Feliciano, n´un accidente que tivo, no que se mancou n´un pe, viuse obrigado á interromper á actividade, porque se lle hinchaba moitísimo. “Foi un día – relembra Feliciano – estando na telleira do Borrajo, en Salamanca,  indo a darlle de beber o cabalo As Fontiñas, que ainda hoxendía se lles coñece con este topónimo, ainda que se atopan de outro xeito, porque os tempos van transformándoo todo, e a consecuencia do accidente tiven que deixar esa labor, e prao meu sitio foi meu irmán. Eu tiven que virme pra casa, quedándome sin actividade, tirado prácticamente, aprendendo da vida o que te daba (...)”. 

 Tan pronto tivo unha melloría no pe accidentado, Feliciano foi a traballar a unha canteira en Goián. Ía e viña, diariamente, a pe. 

PRODUCTOR E SINDICALISTA NA FÁBRICA DAS CACHADAS

 Un día pasando pola fábrica das Cachadas, viu os donos da mesma, e achegouse onde a eles, e logo de decirlles de onde viña, preguntáronlle de onde era. Díxolles que de Salcidos, e cal era súa situación persoal, orfo de pai e de nai. Logo de preguntarlles se lle darían traballo, dixéronlle que fose para a semana. 

 E desde daquela, con 16 anos de edade, en que se incorporou á fábrica, permaneceu nela ata súa xubilación. Nese amplo período de tempo refire que tivo problemas cos dirixentes da empresa. Concretamente con Pepe, un dos donos. O motivo foi o ir adquirindo Feliciano postos de relevancia sindical, debido a súa actividade nese eido, xa que transcendeu bastante, partindo desde ahí á Madrid. 

 Feliciano González Otero era vogal nacional de Cerámica e Vidro, e como tal tiña que desprazarse cando o convocaban. Non tiña ningunha asignación económica por tal concepto. Tan soio á correspondente do seu traballo na empresa e ás dietas para os desprazamentos. 

 “Sindicalmente, eu funme formando así”, díxonos Feliciano, quen nos amosou un diploma da Organización Sindical Española que lle foi concedido naqueles tempos. 

 Lembra que desempeñou o cárrego de vogal uns vinte anos, ata que faleceu o presidente provincial de Pontevedra, que tamén era membro da Organización Sindical, a nivel nacional, e que estivo en varias ocasions na casa de Feliciano. A partires do pasamento desa persoa, Feliciano deixou todo iso, e adicouse o desempeño do cárrego de xurado de empresa, e á seu labor como productor na mesma. 

 Feliciano sofreu na súa própia pel, os inconvintes do desempeño do seu cárrego sindical, xa que viñan de Madrid os xerarcas do Sindicato de Cerámica e Vidro e os donos da empresa tiñan que abrirlles ás portas da fábrica.  

 Por iso, algúns dos donos da fábrica querían despachar a Feliciano pola tanxente, pero daquela o réxime político existente, non permitía abusos desa índole, a non ser que fora por asuntos políticos. Pero por motivos sindicais, encomendados a cada traballador, non se lles permitía o despedimento. 

 Feliciano relembra que logo de abrir á Unión Sindical de Comisions Obreiras, en A Guarda, un dos propietarios da empresa díxolle: “Eu non sei que vamos a facer contigo. Liástete con eses comunistas... 

 Feliciano respostoulle do seguinte xeito: “Mira Ricardo. Eu sun traballador desta casa.

Sun responsable ou non?

Como o primeiro!, respostou o empresario.

Entonces, a partir das 6 da tarde, nas actividades que teña, relacionadas coa miña vida, ou co que eu desempeño, máis ou menos, políticamente, non quero intromisión de ningunha clase. Si sun responsable.

 Se non sun responsable, tomen ás medidas que queiran. 

 E decir que á actividade sindical de Feliciano non era asumida con normalidade pola dirección da empresa onde prestaba seus servicios, a pesar de ser cumplidor coa súa labor como productor da mesma.

 Compre decir que Feliciano González Otero, saiu da fábrica os 60 anos de idade, para xubilarse. 

COMEZOS DA ACTIVIDADE SINDICAL DE FELICIANO EN CC.OO.

 Os comezos do labor sindical de Feliciano González Otero en Comisións Obreiras foron con Eloy Gómez Mariño, persoa que, paradoxas da vida, foi quen lle sucedeu – fai poucas semanas -, logo da correspondente votación en asemblea xeral de comuneiros, na presidencia da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos. 

 Voltando os comezos de CC.OO. en A Guarda, Eloy Gómez Mariño, foi quen lle propuxo a Feliciano González Otero, fundar a Unión Sindical Comarcal de Comisions Obreiras do Baixo Miño, con sede en A Guarda. 

 Eloy pensou en Feliciano, pois tiña referencias de que se trataba dunha persoa que estaba o día en tarefas sindicais.  

 “Eu – díxonos Feliciano – fíxenme cárrego de botar unha mán”. 

 A partir dun congreso que houbo no Cine-Teatro Avenida, promovido por Comisions Obreiras, á actividade sindical comezaría a finais da década dos 70 do pasado século, na primeira planta de un inmoble, propiedade de Dona Josefina Lorenzo Gómez “A Leona”, sito na rúa Vicente Sobrino, nº 11, na vila de A Guarda. O debut - por deci-lo de algún xeito -, de Feliciano nese local, foi pasando as primeiras vacacions democráticas que collían os traballadores de España, arranxando o tellado, xa que chovía dentro coma fora. 

 Feliciano comezou preparando o local para face-lo o máis acolledor posible, para atender os traballadores da contorna. 

 “Ela – díxonos Feliciano, referíndose a Josefina Lorenzo – tamén tivo problemas con algúns clientes, porque deixaron de ir á mercar o seu establecemento, pois decíanlle que lle había aberto á porta a certos persoaxes comunistas (...)”. 

 “Cando tí viñeches a onde nós – relembrounos Feliciano -, había días que tíñamos o local aberto nese lugar.

 Eu había dito que me facía falla unha persoa, que me axudara (...)”. “(...) E a partir de ahí, estivemos en relación constante, con Waldino Varela Martínez. E dese xeito foi como comezou á traxectoria de Comisions Obreiras en A Guarda ata hoxendía.” 

PECHE INXUSTIFICADO DA UNIÓN SINDICAL DE COMISIONS OBREIRAS DE A GUARDA

 Como non podía ser doutro xeito, este cronista tivo que facerlle unha matización a Feliciano, para informarlle que por decisión unilateral, da Comisión executiva comarcal da Unión Sindical de Comisions Obreiras de Vigo, con Amelia Pérez Álvarez, como secretaria xeral; desde finais do mes de febreiro de 2013, o local que Comisions Obreiras tiña en A Guarda, foi pechado. Sen que o conxunto dos traballadores fosen notificados en tempo e forma, pola dirección do sindicato, como sería o xeito correcto de proceder, se realmente tivesen un mínimo de respecto aos afiliados e a traxectoria do local sindical de Comisions Obreiras en A Guarda. Xa que non había nin motivos económicos, nin de falla de afiliación, nin de ningún outro tipo, que xustificasen o peche do local sindical,  xa que era totalmente viable, económica e sindicalmente. 

 A dirección comarcal de Comisions Obreiras de Vigo, cábelle o dubidoso honor de haber enterrado toda unha traxectoria de sindicalismo de proximidade cos traballadores de A Guarda e súa contorna, desenvolvida o longo de moitos anos, coa prestación altruista de persoas como Feliciano González, Manuel Vicente (Pastorina), Angel Pérez Castro (Gelito), Xosé Vicente Romero (Pepiño), José Manuel González Lima, Tamara,..., entre outros compañeiros que contribuiron coa súas respectivas colabouras voluntarias, a que o conxunto dos traballadores do Baixo Miño vise melloradas súas condicions de traballo. 

 A executiva comarcal de Comisions Obreiras de Vigo, non tivo en conta as propostas alternativas que lle foron expostas, nas que mesmo o propietario do local estaba disposto a aluga-lo por unha renda inferior. A resposta recibida por parte da dirección comarcal foi á mesma. Había que pechar o local. 

 Constatado ese feito, algúns afiliados dirixiron ás correspondentes comunicacions rexeitando esa decisión, pero no mellor dos casos, tan soio obtiveron unha resposta tipo, que en nada, rectificaba o rumbo fixado. 

 Que quede moi craro que o local sindical de CC.OO. en A Guarda, non se pechou por mala xestión, nin por falla de afiliación nin de actividade sindical. Pecháronno os burócratas insensibles por posibles motivos inconfesables, imputables única e exclusivamente a eses mesmos burócratas entreguistas. 

 Feita esa acraración, necesaria para reparar, a lo menos, en parte, á desinformación xeral, do devandito peche; Feliciano e este que lles fala, relembramos os comezos da Unión Sindical Comarcal de Comisions Obreiras do Baixo Miño, con sede na vila de A Guarda. Neses comezos, hai que pór nun sitial destacado, a dona Josefina Lorenzo Gómez (A Leona), xa que sen ter en conta os posibles quebrantos que iso lle ía supor na súa actividade comercial, non dubidou en ceder, de xeito totalmente desinteresado, e decir, sen cobrar nin un céntimo de renda, o local da súa propiedade, sito na rúa Vicente Sobrino. 

 Compre relembrar que daquela, a diferenza de hoxendía, abrir un local sindical nunha vila como A Guarda, que en verbas dun histórico galeguista e republicano, como foi Xoán Noia Xil, non era conservadora, senón ultraconservadora; tivo moitísimo mérito, que persoas como Josefina, Miguel Vieira Fernández, Miguel Ángel Sobrino Blanco, Eloy Gómez Mariño, e Feliciano González Otero, entre outras, xunguisen esforzos e vontades, e dese xeito, brindasen á crase traballadora de A Guarda e súa comarca, unha ferramenta necesaria para o seu desenvolvemento socioeconómico e mesmo cultural. 

 A Comisions Obreiras e a esas persoas que vimos de mencionar, cábelles á honra de haber feito posible, á imbricación social desa central sindical de crase, acadando co paso de tempo e do compromiso e traballo continuado, que Comisions Obreiras fose un referente en todo o Baixo Miño. 

 Por iso, eiquí e agora, relembramos aqueles anos de labor cotiá, en que tódalas persoas que se achegaban ao local sindical de CC.OO. tiñan á confianza de que ían obter unha atención inmediata, unha información fiable e sobor de todo, o apoio de tódolos compañeiros que formábamos á estructura desa organización o servizo do movemento obreiro.

 A diferenza de hoxendía, en que as novas tecnoloxías permiten obter unha información o instante, daquela suplíase esa carencia de medios, con unha actividade sindical de proximidade, sustentada única e exclusivamente coas cuotas dos afiliados e o apoio da estructura da Unión Sindical Comarcal de Vigo. 

 Naqueles primeiros anos, por carecer, no local sindical carecíase de alumeado eléctrico, e por suposto de servizo telefónico, e mesmo de aseos. 

 Feliciano sabe do que falamos, e sabe tamén, obviamente, da fatiga visual que a falla de alumeado conlevaba, xa que tan soio se contaba con tres unidades de camping gas. Unha delas pendurada dunha corda, situada nas escaleiras de acceso a primeira planta do inmoble propiedade de dona Josefina Lorenzo; outra enriba dunha mesa, da que era, digamos á recepción e atención directa os afiliados, e outra máis, situada no que poderíamos denominar, despacho do secretario xeral, tarefa que desempeñou o longo de moítísimos anos, de xeito totalmente altruista, e sen compensación económica de ningún tipo, o compañeiro Feliciano González Otero. 

 Esa situación, impensable hoxendía, dános unha idea, siquera aproximada, do sacrifizo que supuña desenvolver de luns a sábado, á labor sindical. 

 A pesares da carencia de calquer atisbo de confort, naquel local artellouse o expedente de crise para a totalidade da flota pesqueira de A Guarda, que viña faenando na plataforma continental do veciño Portugal, e logo da correspondente folga xeral de 24 horas de duración, en todo o termo municipal, e da correspondente manifestación polas rúas de A Guarda; por primeira vez, en España, a pesares de que nin ás empresas nin os tripulantes, cotizaban por esa continxencia, foilles concedida, polo goberno presidido por Adolfo Suárez, unha importante axuda económica para á flota guardesa. 

 Asemade, daquel local xurdiu en 1979, á creación da primeira candidatura progresista (Agrupación Democrática Guardesa), que concorreu ás primeiras eleccions municipais democráticas, logo da contenda fraticida que seguiu o golpe de estado de 1936, contra o lexítimo Goberno da IIª República. 

 Posteriormente, cando á familia de Josefina Lorenzo comunicou que querían dispór do local, buscouse outra ubicación, para a sede sindical. Neste caso, nas Galerías Ribeira, sitas na rúa Manuel Lomba, nº 11, de A Guarda. Alí xa se dispuña de alumeado eléctrico, teléfonos, aseos e amplos locais. 

 Nesa ubicación continuaría o crecente labor sindical, no que Feliciano González Otero, non soio era o líder do grupo, senón que súa aportación persoal diaria, non se facía de rogar. 

 Ao abeiro dese local, non soio tería continuidade o apoio ao grupo municipal da Agrupación Democrática Guardesa (A.D.G.), senón  que dalí xurdiu á Agrupación Cultural Guardesa - e posteriormente, ANABAM -,  o Grupo de Gaitas Orballo e despois o Grupo de Gaitas Os Petóns, ..., e mesmo a Comisión Pro-Fosa Común de Sestás, á recramación dos montes de A Guarda, Camposancos e Salcidos, para os veciños; e a partires de 1983, máis dunha agrupación política con actividade no termo municipal de A Guarda. 

 E decir, que o local sindical de Comisions Obreiras foi, como xa dixemos, todo un referente na Guarda e na súa contorna. E compre salientar, que a persoalidade de Feliciano González Otero, coa colaboura de outros compañeiros, fixeron posible que iso fose así. 

 A actividade no local sindical mesmo canalizou e apoiou inquedanzas educativas, e así vemos como Comisións Obreiras mantén correspondencia co daquela delegado provincial de Educación, Aniceto Núñez, en relación á necesidade de levar a bo termo un novo colexio público no lugar da Sangriña (denominado hoxendía CEIP A Sangriña), e posteriormente o Centro de Formación Profesional, no que anos máis tarde se ubicaría o Instituto de BUP e COU, e que como sabemos se ven denominando Instituto de Enseñanza Secundaria A Sangriña, e de xeito máis breve, IES A Sangriña. 

 No ámeto laboral, daquela moitos obreiros non sabían o que eran vacacions retribuidas, nin gratificacións, e mesmo en moitos casos, nin siquera estaban dados de altos na Seguridade Social. 

 Había moito por facer, e desde o local sindical fóronse dando moitos pasos para correxir esa situación viciada, herdada dun pasado recente, no que á desmobilización da crase obreira había sido prácticamente total, agás casos e ámetos,  moi concretos. 

 “Era un desmadre – relembrounos Feliciano -, e cando empezou a funcionar á Inspección de Traballo, os inspectores ían os centros de traballo onde prestábamos nosos servizos, para que os acompañásemos a visitar ás empresas da zoa.” 

MATRIMONIO CON FLORINDA GONZÁLEZ FRANCO

 Feliciano González Otero casou con Florinda González Franco. Tiveron seis fillos (Marina, Hermenegildo, Flora, Isaac, Purificación e Montserrat). 

 Ainda que non queremos ser indiscretos, imos salientar, porque é de xustiza, o que nos dixo Feliciano respecto a súa esposa, que en paz descanse: “Eu tiven unha muller, unha gran muller, que está falecida, que nunca se meteu nin na política que eu facía, nin sindical, nin municipal, ...”. 

 Coñecéndoa como tivemos oportunidade de coñecela, nós xa tíñamos a priori, á impresión de que Florinda nunca fora un obstáculo para que Feliciano desenvolvera ás actividades que adoitou facer en cada momento. E el corrobórao con unha verba moi explícita: “Correcto”. 

FELICIANO GONZÁLEZ OTERO, UN HOME VENCELLADO OS MONTES VECIÑAIS DA PARROQUIA DE SALCIDOS

 Logo dunha ampla andaina no eido sindical e mesmo simultaneando as dúas tarefas, Feliciano comezou a desenvolver súa labor a prol dos Montes Veciñais en Mán Común, concretamente os correspondentes a parroquia de Salcidos. 

 El coñece de primeira mán, todo o proceso seguido ata o día de hoxe.

 Desde aqueles primeiros intres nos que algunhas persoas, que estaban dentro da Cámara Agraria Local, e que manifestaron seu desinterese polos montes veciñais, ata os que estábamos decididos a súa recuperación, previa á correspondente clasificación. 

 Entre os que sí estábamos a prol da súa recuperación, vemos a Feliciano González Otero. O longo de un feixe de anos - concretamente 32 -, como presidente da Xunta Rectora da Comunidade de Montes en Man Común da parroquia de Salcidos, e desde fai uns meses, logo de anunciar, reiteradamente que necesitaba que outra persoa asumise á presidencia, desempeña súa labor como vice-presidente. 

 El mesmo pensou e suxeriu, á persoa que considerou axeitada, porque entendía que xa eran moitos anos dirixindo á Xunta Reitora da Comunidade de Montes en Man Común de Salcidos, é o relevo era necesario. 

 No camiño trazado desde os primeiros pasos a prol da recuperación dos montes para os veciños, relembramos o intre no que Feliciano se dirixe os veciños concentrados – previa convocatoria pública - diante das obras do camping de Salcidos, onde o promotor do mesmo, alentado por uns políticos locais que non se preocuparon polos veciños de Salcidos, lle outorgaran, presuntamente, non somentes á concesión administrativa cunha ocupación abusiva do chan, para facer esas instalacions, senón carta branca para ocupar unha superficie que viña sendo aproveitada de xeito consuetudinario o longo da historia, polos veciños da parroquia. 

 A resultas desa concentración veciñal, e dos pasos dados a continuación por Feliciano, xurdiu a xestora da Comunidade de Montes en Mán Común, que foi fundada en marzo de 1982, na Ribeira de Salcidos, ao carón do río Miño. Desde aquela, ás previsions iniciais de ocupación, por parte do promotor do camping víronse reducidas. 

 Tamén desde esa época,  tivo moito que ver o local sindical de CC.OO. de A Guarda, que escomenzara a reivindicarse o Esteiro do Miño como Espazo Natural Protexido. Desde aqueles anos ata agora, a verdade e que á sensibilidade foi en aumento e hoxendía a ninguén se lle ocorre decir, que “(...) alí somentes hai bichocas (...)”, como no seu día me dixo unha persoa que chegou a ter responsabilidades de goberno a nivel municipal. 

OITO ANOS COMO CONCELLEIRO

 No ámeto político local, Feliciano González Otero estivo dúas lexislaturas como membro da Corporación Municipal do Concello de A Guarda. E decir, desde 1983 ata 1991. Logo desa etapa decidiu apartarse desa actividade, e desde aquela tódolos seus folgos están focalizados na Comunidade de Montes en Man Común de Salcidos. 

CONCLUSIÓN FINAL

 Feliciano González Otero nunca se moveu por intereses creados nin fixo prevalecer o persoal sobre o público. El mesmo no-lo resume con estas verbas: “(...) Veño dunha familia probe. Veño dunha familia que honradamente sempre foi consecuente. E hoxe quero seguir ese camiño. Seguirei ese camiño ata que  chegue o  meu derradeiro suspiro (...)”. 

 Por todo iso, e por moitas outras razóns, consideramos moi acertado o acordo dos compañeiros do Movimento Sindical 1º de Maio de adicarlle este 2015, o Día 1º de Maio, Día Internacional dos Traballadores, porque ven á recoñecer toda unha traxectoria de labor altruista desenvolvida por Feliciano González Otero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario