MÚSICA E PALABRAS
• Este venres, 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Cando as luces de cores, os adornos,..., e todo canto de beleza exterior nos están anunciando a chegada dun novo nadal, tamén a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos nos fai partícipes dunha nova edición de Música e Palabras. Será este venres, día 5 de decembro, ás 20:00 horas, na acolledora Casa Cultural de Montes de Camposancos.
Ainda que a iniciativa de Música e Palabras é totalmente cívica, e non ten ningunha connotación relixiosa, tamén é certo que estamos en tempo de advento, que significa chegada.
Facemos mención do advento polos propósitos que este tempo conleva: esperanza, paz, alegría e amor.
Qué oportunidade tan magnífica nos brinda Música e Palabras, para reflexionar respecto aos referidos temas!
Todos e todas precisamos ter esperanza, vivir en paz, con alegría e con amor.
Pola traxectoria deste evento - Música e Palabras -, este cronista mesmo atrévese a decir que participar nese encontro cultural e social pode xerar efectos moi positivos nas persoas, en xeral, e de xeito moi especial, nas que achegan o brillo dos seus ollares, as súas entoacións,..., e sobre todo, súa compaña.
Música e Palabras é - tamén - unha oportunidade para o encontro veciñal. Para sentirmos que somos comunidade. Que todo vai moito mellor se cultivamos a horta da amizade e da solidariedade.
E para concluir estas liñas, lembramos que, unha vez máis, a cantautora María José Baz Martínez, coa súa voz e súa guitarra, poñeranos dalgún xeito en modo prenatal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario