2 de dec. de 2025

A GUARDA

O PSOE LIDERA MELLORAS NA GUARDA CON CATRO MOCIÓNS APROBADAS POR UNANIMIDADE 




Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda conseguiu sacar adiante por unanimidade as catro mocións defendidas no Pleno celebrado o 1 de decembro, nas que se solicitaba a mellora do transporte público na comarca do Baixo Miño; a reposición das papeleiras retiradas e a instalación de modelos con separación de residuos; a publicación en prazo das subvencións municipais por concorrencia competitiva; e o reforzo das accións municipais contra a violencia machista con motivo do 25N.  

 Na primeira das mocións, o PSOE da Guarda instaba á Xunta de Galicia a reforzar o transporte público comarcal, mellorando as frecuencias, establecendo conexións directas cos hospitais e co CUVI e habilitando servizos a demanda nas parroquias. Tamén reclamaba a creación dunha Mesa Técnica Comarcal que permitise garantir unha planificación axeitada ás necesidades reais da veciñanza.  

 A segunda iniciativa aprobada propuña un plan progresivo para volver colocar as papeleiras retiradas nos últimos anos e substituílas por modelos con separación de residuos, priorizando rúas comerciais, parques, prazas e zonas escolares, xunto cunha campaña de sensibilización para promover o seu uso correcto.  

 A terceira moción esixía ao goberno local publicar as subvencións municipais por concorrencia competitiva no primeiro semestre de cada ano, evitando atrasos como os dos últimos exercicios que dificultaron a planificación das asociacións e deportistas individuais.  

 Por último, a moción presentada con motivo do 25N pedía reforzar o compromiso municipal contra a violencia machista mediante accións de prevención dirixidas á mocidade, formación específica para a Policía Local e unha colaboración máis estreita co tecido asociativo. Ademais, instaba á Xunta de Galicia a mellorar as súas políticas nesta materia, especialmente no ámbito da violencia dixital, vicaria e económica.  

 Con estes acordos, o Grupo Municipal Socialista quere deixar claro que existe unha oposición que traballa, que analiza os problemas reais da veciñanza e que presenta solucións viables para mellorar o día a día no municipio. Nun momento no que o goberno local permanece practicamente paralizado, sen proxecto nin dirección definida, os/as socialistas están asumindo a responsabilidade de impulsar iniciativas útiles, de marcar prioridades e de abrir camiño alí onde o executivo non está a actuar.  

 A Guarda precisa políticas útiles, decisións concretas e avances visibles, non a inacción e a falta de dirección que mostra o actual goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario