3 de dec. de 2025

O ROSAL

Tres días de artesanía, gastronomía e creatividade no Mercado de Nadal do Rosal   

  Abre as súas portas do 6 ao 8 de decembro con 15 postos nos que o público poderá atopar unha ampla gama de produtos artesáns e de alimentación  

  De 11 a 14 e de 17 a 21 h no Salón de Exposicións do Concello  




Infogauda / O Rosal 

 O aire de decembro trae ao Rosal unha nova edición do Mercado de Nadal, que abrirá as súas portas do 6 ao 8 de decembro no Salón de Exposicións do Concello cunha selección diversa de creadoras, artesáns e pequenas produtoras locais.  A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliña que o mercado “é un escaparate vivo do talento que temos na casa, unha celebración da identidade creativa que nos une e un catálogo dunha comunidade que innova, coida o detalle e aposta pola creación como forma de vida”. 

 Artesanía en coiro, cerámica, produtos de alimentación elaborados con receitas propias, pezas téxtiles, ilustración, decoración e propostas de asociacións sociais convivirán nun único itinerario pensado para achegar novas ideas e incentivar o consumo de proximidade. O mercado estará aberto de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h durante os tres días. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, destaca o progreso deste evento co paso dos anos. “Cada edición mellora en programación e calidade. O mercado non só promove a cultura e a artesanía, senón que tamén impulsa a gastronomía local e ofrece experiencias únicas para todos. É un espazo no que o noso tecido comercial e cultural medra xunto co interese da veciñanza e visitantes”, recalca. 

Un programa que expande a experiencia máis alá dos postos 

 Este ano, o Concello impulsa unha programación paralela que engade luz, música, historias e sabor ao percorrido. O sábado 6, o público poderá desfrutar tamén do espectáculo de videomapping (19.00 h), unha proposta visual que converterá a fachada da Casa consistorial nun lenzo vivo, e do acendido das luces de Nadal ás 19:15 h, marcando o inicio oficial das festas. 

 Xa o domingo, 7 de decembro, a Apalpadora visitará a Biblioteca Municipal ás 17.30 horas cun contacontos pensado para que as familias mergullen na tradición e na fantasía propia destas datas. Ademais, durante os tres días, do 6 ao 8 de decembro, haberá chocolate quente a cargo da Coral da Agrupación Musical do Rosal de 17.00 a 21.00 h, convertendo o serán nun lugar perfecto para facer unha pausa doce. 

 Para a alcaldesa, esta combinación de mercado e actividades “crea un espazo acolledor no que a cultura, a artesanía e a vida comunitaria se dan a man” e convida á veciñanza e visitantes “a gozar dun Nadal que aposta polo local, polo encontro e polo talento que florece en cada recuncho”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario