22 de xan. de 2024

TURISMO

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño enche a maleta de experiencias para FITUR 

 O vindeiro xoves 25 de xaneiro estará na recoñecida feira de turismo cos protagonistas da súa nova campaña ‘Vivir experiencias, compartir territorio’  

 Cristina Correa, alcaldesa de Oia, é a nova representantes institucional do Xeodestino

  

A presidenta de Eu Rural, Sandra González (no medio), xunto á nova representante institucional do Xeodestino, Cristina Correa, e o anterior, Juan A. González
Foto: X.R. de V. e B.M.

Infogauda / O Baixo Miño

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño leva xa un lustro presumindo de destino na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR). O vindeiro xoves 25 de xaneiro ás 18.00 horas, os concellos do territorio volverán estar nun dos principais encontros do sector turístico de Europa para conquistar ao público polos sentidos e o corazón. Da man dos seus verdadeiros protagonistas, o Xeodestino presentará a súa nova campaña ‘Vivir experiencias, compartir territorio’

 Nesta ocasión, a través dunha emocionante peza audiovisual o público acompañará a Rubén, Ana, Inés e Berto por un destino único, complementario e de calidade no que o turismo activo, a natureza ou a enogastronomía camiñan da man para namorar a cada persoa visitante. Ademais, ao rematar a presentación haberá diferentes sorpresas para o público asistente. 

 Xunto ás e aos protagonistas, o acto contará tamén coa intervención de Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, e de Cristina Correa, alcaldesa de Oia, que se estrea nun acto oficial como nova representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, dando así o relevo ao rexedor de Nigrán, Juan A. González. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, será o encargado de pechar o acto.  

 Por outra banda, á presentación acudirán numerosas autoridades, como as alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 municipios do Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) ou representantes doutras institucións estatais, autonómicas e provinciais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario