20 de xan. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A VECIÑANZA DE CAMPOSANCOS FESTEXOU CON LEDICIA SÚA XXV PALETADA LACONADA

 Cunha participación de 300 comensais





Reportaxe fotográfica cedida pola C.MM.VV. en M. C. de Camposancos


Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Conmemorando unha tradición que combina os valores festivos e gustativos, e que teñen súa posible orixe coñecida por nós, na celebración de Sanamaro, ainda que ben puidera ser incluso moitísimo anterior; a veciñanza da parroquia de Camposancos vén festexando a devandita festividade. E faino, en primeiro lugar, no ámbito familiar, no día máis próximo ao 15 de xaneiro, que é cando se conmemora o falecemento de san Amaro, abade de Glanfeuil, e posteriormente coñecido como san Amaro do Loire ou de Anjou.

 Neste 2024, o día máis preto da festividade de san Amaro foi o pasado domingo, 14 de xaneiro. Dese xeito, moitas familias xuntáronse arredor dun cocido no que a paleta e o lacón adoitan ser os protagonistas do xantar. En tempos que ainda lembramos, había un dito popular que refería á tradición de "poñer á paleta do porco a desalar na pía da fonte da Poza". E tamén había o costume de "arrincar á cañota", para enfiar as rosquillas e agasallar ás mozas. Son tradicións que forman parte do patrimonio inmaterial das xentes de Camposancos, moitas das cales, ainda hoxe poden acreditar á tradición de cantarlle ao santo abade:

"Sanamaro, maro, ten un asubío

 pra asubiarlle ás mozas do río".

 Todo iso, de algún xeito, continúa vixente neste primeiro cuarto do século XXI, ainda que por moitas razóns, xa non se poña a desalar á paleta do porco na pía da fonte da Poza. 

 De manter á tradición - ademais de facelo no seo das familias, por iniciativa de cada unha delas -, ocúpase, con moito acerto, a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. E faino, organizando - mediante a Asociación Rego de Bicosán; co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración da Comunidade de Montes de Camposancos -, a Paletada Laconada. Evento no que participan os comuneiros e súas respectivas familias, así como tamén todas aquelas persoas que así o desexaron, ata completar o aforo establecido, que ao igual que en 2023, o límite foi fixado previamente en 300 comensais. Unha cifra moi importante, máxime tendo en conta que este ano a Palatada Laconada acada súa XXV edición. Pero o que para nós é o máis importante, non é tanto o número de persoas que se xuntaron para celebrar ese encontro anual, senón o que conleva de valor engadido. É decir, de amizade e de boa relación entre as persoas veciñas de Camposancos. Un lugar privilexiado pola natureza, ao pé do Trega, que reflíctese nas augas do río Miño, ao compás do bruar do oceáno Atlántico, "A Porta do Mar", como refiren persoas de Camposancos que nos profesan súa amizade dende fai moitos anos.

 Ao igual que na edición precedente, o evento gastronómico tivo lugar no amplo salón comedor do restaurante do Hotel El Molino, emblemático establecemento situado na praia do Forte. 

 O xantar contou con saborosos productos  - paleta, lacón, chourizos, verdura, patacas, garavanzos,..., viño mencía, refrescos, sobremesas, cafés,..., -, perfectamente elaborados e servidos polo persoal do devandito restaurante.

 A xornada contou tamén coa actuación do acordeonista camposino Mario Baró Pereira, e cun animado baile, amenizado polo grupo musical “Ritmo”, que motivou a danzar a persoas de todas as idades.

 E foi así, como un ano máis, a Laconada Paletada rexistrou un novo éxito, motivo polo cal, as persoas participantes expresaron seus parabens aos organizadores.  

  Como referíu o escritor, filósofo e orador romano Marco Tulio Cicerón: "O pracer dos banquetes debe medirse non pola abundancia dos manxares, senón pola reunión dos amigos e pola súa conversación."

 En todo caso, na Laconada Paletada non soio houbo abundancia de manxares, senón a grata compaña dos amigos e súas suxestivas conversas. Un novo fito, que acredita que ese evento ten moito futuro por diante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario