14 de dec. de 2023

O ROSAL

Unha viaxe para experimentar a realidade dos campamentos saharauís  

 A concelleira do Rosal, Beatriz Rodríguez, participou na visita ao campamento saharauí de refuxiados de Bojador organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Delegación Saharauí en Galicia e SOGAPS

  

Beatriz Rodríguez Alfonso, concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social e Igualdade do Concello do Rosal, con nenos dos campamentos saharauís de Tindouf, en Arxelia

Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal xa está de volta tras a súa primeira visita aos campamentos saharauís de Tindouf, en Arxelia. A concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social e Igualdade, Beatriz Rodríguez Alfonso, regresou con moitas sensacións e a necesidade de repousar todo o vivido da expedición á Wilaya de Bojador, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. 

 Unha viaxe máis curta do previsto, de apenas cinco días, na que Rodríguez e a trintena de participantes na expedición puideron coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas dos campamentos de Tindouf e os proxectos de axuda humanitaria que impulsa Galicia alí, así como visibilizar o apoio das administracións locais á causa saharauí.  

 “Somos conscientes de que un concello tan pequeno coma O Rosal só non pode levar a cabo proxectos de cooperación internacional, pero se todos e todas nos unimos e achegamos o noso gran de area podemos facer grandes cousas. Porque a solidariedade e a cooperación teñen que ser áreas de colaboración, non de confrontación nin de cores políticas”, salienta a concelleira, quen resalta a boa labor que realiza o Fondo Galego. 

 Formada en Traballo Social e Cooperación ó Desenvolvemento, Beatriz Rodríguez puido coñecer durante a súa estancia as instalacións da Media Lúa Vermella, o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental e outras iniciativas impulsadas por Galicia centradas no medio ambiente, visitar as escolas dos campamentos ou entrevistarse con membros da Asociación de Familiares de Prisioneiros e Persoas Desaparecidas Saharauís (AFAPREDESA), que contaron ás e aos visitantes as súas vivencias. “Escoitar as historias persoais é algo que impresiona, levan 48 anos expulsados da súa terra, e manteñen a súa loita. Gran parte das persoas que alí viven xa naceron nos campamentos e continúan coa mesma proclama e forza por un Sáhara Libre. Realmente viven unha grande inxustiza social”, destaca. 


Beatriz Rodríguez -á der.- con  Rabab - no centro da imaxe - e outras mulleres que partiparon na visita 

 Durante a súa estancia Beatriz Rodríguez viviu cunha familia de acollida que a achegou a outra cara dos campamentos: a cultura. “Rabab e a súa filla Amuna, que foron a nosa familia acolledora eran persoas moi abertas e cultas. Amuna é a directora da Escola de Teatro e mestra na Escola de Cine. Amuna convidounos a visitar a Escola de Cine e puidemos coñecer de primeira man as súas instalacións e traballo. Alí celebran o Festival Internacional FiSahara, ao que cada ano acoden persoas de renome no mundo da cultura a nivel internacional para apoiar a causa saharauí. Mediante o seu cine pretenden entreter, transmitir coñecementos e empoderar á poboación refuxiada”, lembra a concelleira. 

 Unha experiencia inesquecible para Beatriz Rodríguez, que se empapou da realidade dos campamentos, nos que “manteñen un delicado equilibrio entre a loita por ter mellores condicións de vida alí e a loita pola autodeterminación e volver ás súas casas”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario