19 de set. de 2024

A CAÑIZA

Visita institucional ao Concello da Cañiza    

Abel Losada celebra os 12,6 millóns de euros que os municipios da provincia teñen conseguido do PERTE da Auga  

• O subdelegado visita o Concello da Cañiza e reúnese co seu alcalde para coñecer de primeira man o proxecto de dixitalización do ciclo da auga, subvencionado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno 

 O Concello logra captar unha achega de 4,8 millóns de euros para mellorar a xestión e planificación hidrolóxica na Paradanta e Ourense 

 Luis Piña afirmou que esta achega estatal “é un paso fundamental para garantir a sustentabilidade e a eficiencia da rede de abastecemento de auga de cara o futuro na Cañiza”  


Abel Losada mantivo un encontro co alcalde, Luís Piña, e destacou a súa capacidade de liderado para sacar adiante este ambicioso proxecto

Foto: S. de G.

Infogauda / A Cañiza 

 Abel Losada visitou hoxe o Concello da Cañiza, que lidera unha das dúas subvencións que a provincia de Pontevedra vén de conseguir na segunda convocatoria do PERTE da auga para dixitalización de servizos hidrolóxicos municipais. En concreto, o municipio logrou captar unha achega de 4.811.115 de euros ao quedar o proxecto no que participaba entre os mellores puntuados de toda España. 

 O proxecto, liderado polo Concello da Cañiza, permitirá a dixitalización integral do ciclo da auga na capital da Paradanta, pero tamén nos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e os ourensáns do Carballiño, Maside e Melón. 

 Co gallo desta aportación gobernamental, Abel Losada mantivo un encontro co alcalde, Luís Piña, e destacou a súa capacidade de liderado para sacar adiante este ambicioso proxecto. O subdelegado aplaudiu a coraxe do alcalde, “que ante a negativa da Xunta de Galicia de asinar con este concello un convenio similar aos que ten firmado con outros en materia hidráulica, soubo buscar financiamento noutras Administracións. E fíxoo competíndoo, a pesares da complicada situación económica coa que se atopou ao chegar a Alcaldía”. 

 Abel Losada celebrou os 12,6 millóns de euros outorgados polo Goberno aos concellos da provincia de Pontevedra nas dúas convocatorias do PERTE da Auga, dos que máis de 9,5 millóns de euros corresponden á segunda convocatoria, da que se veñen de beneficiar o grupo de concellos liderado pola Cañiza e o consorcio do Louro. A achega que vén de conseguir o Consorcio do Louro (O Porriño, Mos, Salceda e Tui) supuxo outros 4.719.912 de euros destes fondos repartidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO).  

 As principais accións que se levarán a cabo coa achega gobernamental son actuacións de planificación e estudo dos recursos hidrolóxicos, de dixitalización de todo o ciclo urbano da auga ─desde as captacións ata os puntos de vertedura─, e actuacións para a xestión da información mediante a elaboración dun sitio web centralizado para o análise e control de todos os dispositivos instalados e outro sitio informativo.  

 O subdelegado salientou que “a dixitalización do ciclo da auga é moito máis que unha xestión en liña do servizo municipal”. Neste sentido explicou que o novo sistema permitirá, entre outras cousas, monitorizar o consumo ou as posibles perdas da rede en tempo real. Así mesmo, todas as actuacións están concibidas e planificadas dun xeito integral, cubrindo as necesidades particulares de cada concello, mellorando a sustentabilidade ambiental, nun escenario no que as secas aparecen como unha ameaza, e fortalecendo a eficiencia do sistema hídrico da comarca.  

 Abel Losada recalcou a oportunidade que supón o PERTE da Auga para os concellos da provincia de Pontevedra, xa que permitirá modernizar as súas redes, cunhas subvencións que supoñen unha importante achega de fondos que se reparten con criterios obxectivos.  

 Luis Piña subliñou que a achega de 1.499.896,36 euros que recibirá o municipio da Cañiza no marco deste proxecto será fundamental para avanzar na modernización das redes de auga potable do concello, un dos principais obxectivos da localidade.  

 O alcalde afirmou que esta achega estatal “é un paso moi importante para garantir a sustentabilidade e a eficiencia da rede de abastecemento de auga de cara o futuro”, lembrando que A Cañiza é un concello situado a unha  altura importante “polo que dependemos dos pozos no verán”. Non obstante, entende que “a monitorización e as medicións en tempo real da rede de abastecemento permitirannos planificar mellor e con moita máis precisión as necesidades, de modo que este PERTE é unha aposta de futuro para que a capital da Paradanta conte cunha rede de abastecemento moderna, sostible e eficiente en beneficio da veciñanza e do medio ambiente”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario