26 de nov. de 2023

GUILLAREI (TUI)

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO

  No 101 cabodano dos sucesos, tivo lugar este domingo, 26 de novembro, en Sobredo (Guillarei)






Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / Guillarei (Tui) 

 Ás 11:00 h, deste 26 de novembro de 2023, na Carballeira de Sobredo, en Guillarei (Tui) tivo lugar unha concentración de persoas procedentes de diversos lugares de concello e da súa contorna (Baixo Miño, A Louriña, O Condado, Val do Fragoso, Redondela,...), para a continuación achegarse ata o Monumento aos Mártires de Sobredo, en memoria de Cándida, Venancio e Joaquín, as tres persoas que perderon a vida hai 101 anos en Sobredo, por disparos efectuados pola forza de orde pública. 

 Esta homenaxe foi organizada polo Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” (IEAMSO) e contou coa participación da súa presidenta, Marga do Val, que deu á benvida a todas as persoas asistentes, así como coa intervención do profesor tudense Elías Torres Feijó, decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

 Asemade, como vén sendo tradicional, foi efectuada unha ofrenda froral diante do monumento, como símbolo do movemento veciñal, na que participaron representantes de diversos colectivos, poñendo as notas musicais o grupo de gaitas "Folieiros".

 Estes sucesos do 28 de novembro de 1922 foron provocados pola represión a unha manifestación que tiña lugar en Sobredo, Guillarei na que trataban de impedir o desafiuzamento dun labrego que non tiña pagado as rendas forais e fora denunciado polo rendeiro. Unha intervención que provocou a  morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis (Tui); Venancio González, de Budiño (O Porriño); e Joaquín Besada, de Soutelo (Salceda de Caselas), e que tivo unha ampla repercusión en toda Galicia e acelerou o debate político para rematar co sistema foral, que se lograría finalmente no ano 1926. 

 "(...) Para a contorna do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) novembro é ese Campo dos Mártires da parroquia de Guillarei, a memoria que temos que transmitir, un deber que nos tocou de e no corazón. Hai 101 anos ocorreu o suceso: a concentración agrarista que se negaba a pagar o foro, as balas dos mauser e a morte de Candida, Venancio e Joaquín. En 1986 o movemento social e a veciñanza rozaron as silveiras e fixeron a primeira ofrenda floral no monumento esnaquizado, dinamitado no 36, que se restaurou e inaugurou o 6 de novembro de 1988. Desde entón alí imos para honrar a dignidade e xustiza de quen morreu e dixo: a terra é de quen a traballa (...)". Son verbas da escritora, poeta, crítica literaria, traductora,..., Marga do Val,  que engade: "(...) pola terra e pola memoria de quen nos aprende en novembro en Sobredo que ser pobo é necesario (...)". E referiuse tamén a "(...) esa procesión laica, ese acto en que a memoria do tempo, a través da humidade da terra, nos entra polos pés e anda o corpo todo. Sobredo é o lugar en que floreceu unha rosa."

Ningún comentario:

Publicar un comentario