25 de nov. de 2023

A GUARDA

A AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA CELEBROU SEU CONCERTO DE SANTA ICÍA

 Coa participación do Grupo de Iniciación e a Banda de Música


Grupo de Iniciación, dirixido por José Antonio Soutelo Muñoz
Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda e seu director Víctor Luís Alonso Treinta


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A igrexa parroquial de Santa María de A Guarda acolleu na tarde deste sábado 25 de novembro, o Concerto de Santa Icía, evento organizado pola Agrupación Musical de A Guarda, coa colaboración do Concello e da parroquia de Santa María de A Guarda, respectivamente.

 O evento foi presentado por David Álvarez Martínez, que agradeceu tanto a colaboración do párroco Juan José González Estévez, como a do Concello de A Guarda, representado nese acto polo alcalde Roberto José Álvarez Carrero; polo concelleiro de Política Social e Xuventude, Óscar Alonso Álvarez; e polo concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas.

 Na súa intervención, David Álvarez convidou a que calquer persoa, de calquer idade, que saiba tocar algún instrumento ou que desexe aprender, pode achegarse ata a Agrupación Musical de A Guarda, onde serán recibidas con todo agarimo.

 Logo desa intervención o programa do concerto comezou minutos despois das 17:00 horas, coa actuación do Grupo de Iniciación, que dirixido por José Antonio Soutelo Muñoz, interpretou as seguintes obras:

 Welcome to the jungle, de Guns N`Roses (Arranxos: Paul Murtha).

 A Night at the Movies, de Michael Brow.

 Up, de Michael Giacchino / Arranxos: Michael Brow.

 Eighties Flaschback. (Arranxos: Paul Murtha).

 Nivo Bravo en concierto, de Manuel Calero García.

 Todas e cada unha das pezas foi premiada cos aprausos do público.

 A continuación fixo súa entrada a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, cuxos compoñentes deron á benvida as novas incorporacións: Alexia Vázquez Castro (Saxo), Alexia Gonçalves Santiago (Saxo), Sara Fajar Collazo (Clarinete) e Iria Díaz Rodríguez (Frauta), que recibiron cadansúa insignia da Agrupación Musical de A Guarda, que lles foi entregada por compañeiros das respectivas cordas, xunto cos aprausos do respectable público.




 

 Logo deses momentos tan agardados polos novos membros, a Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luís Alonso Treinta, interpretou o seguinte programa:

 The Liberty bell, de John Philip Sousa.

 Rondó alla turca, de Wolfgang Amadeus Mozart.

 The Cream of Clapton, de Eric Clapton / Ron Sebregts.

 Santana a portrait, de Carlos Santana / Giancarlo Gazzani.

 A Guarda (pasodobre galego), de Xosé Luis Represas Carrera. 

 No ecuador da actuación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, o seu director puxo en valor á participación dos compoñentes que malia estaren fora da localidade por diversos motivos, maioritariamente por estudos, fixeron o esforzo de acudir a este concerto tan especial. Asemade, adicou unhas verbas de agradecemento as persoas da xunta directiva polo labor que veñen realizando ao longo de todo o ano.

 Tamén aproveitou a conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra á Muller para referir que a Agrupación Musical de A Guarda é un espazo onde os xoves comparten os valores do respecto aos demais, principios que lles serán de utilidade ao longo das súas vidas. 

 O público premiou á actuación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda con expresivos aprausos, motivo polo cal, o director Víctor Luis Alonso Treinta, anunciou que como estamos a un mes do nadal, ían interpretar unha peza - a Marcha Radetzky - moi característica do Concerto de Ano Novo, da Orquestra Filarmónica de Viena, que contou coa colaboración do público nos momentos en que é tradicional bater as palmas, que foron oportunamente indicados polo director.


Momento no que o alcalde de A Guarda e os concelleiros fixeron entrega dos agasallos florais

 Finalmente, as autoridades municipais fixeron entrega dos agasallos florais, ao párroco e aos directores do Grupo de Iniciación e da Banda de Música da Agrupación  Musical de A Guarda, respectivamente.

 O Concerto de Santa Icía resultou moi ameno dado que as pezas incluídas no programa combinaron certeira e sutilmente, sons do hard rock, música latina, banda sonora de cinema, sons eclécticos dos `80, música pop-rock con evocacións ao inmortal cantante valenciano Nino Bravo; música con aires de marcha militar; música de inspiración turca, publicada a finais do século XIX; rock e blues dun sobranceiro mestre - Eric Clapton - da Stratocaster; ata Carlos Santana, pioneiro en fusionar sons latinos con rock, sen esquecer a música de noso, co pasodobre que leva o nome de A Guarda, creado por Xosé Luis Represas. E para rematar unha obra de Johann Strauss (pai), escrita no ano 1848. 

 Foi, en definitiva un grato paseo musical que agasallou nosos ouvidos e nosas neuronas, nun tempo en que á musica e súa linguaxe universal deberan motivarnos a traballar polo entendemento entre os pobos a nivel planetario, e camiñar na procura da paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario