24 de out. de 2023

A GUARDA

Continúa esta semana o Ciclo Mestre Mateo

O xoves, 26 de outubro, ás 20:30h, no Centro Cultural, proxección de “A Foreign song”  




Infogauda / A Guarda

 O Ciclo Mestre Mateo de cinema galego vai chegar ao seu ecuador na Guarda, o xoves día 26 de outubro, ás 20:30h., no Centro Cultural. Será da man dun film - A Foreign songWallace Stevens -  adicado ao poeta estadounidense Wallace Stevens. 

 Wallace Stevens traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e deitábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias reseñables, nin grandes dramas. Ninguén diría que este home de vida ordinaria e aburrida é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, negouse a escribila. Alguén, ao lonxe, observa as casas idénticas nos suburbios solitarios de Estados Unidos. Na cidade dos cartos, onte e hoxe, unha multitude camiña sen descanso.  




 Este filme foi finalista da XXI edición dos Premios Mestre Mateo como mellor documental, mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción.  

 O ciclo de cinema Mestre Mateo que busca achegar as diferentes vilas da xeografía galega os principais títulos da nosa filmografía,  continuará con outras tres entregas na nosa vila no mes de novembro, o filme de animación Unicorn Wars, o 10 de novembro; o duro documental sobre a violencia vicaria Onde mais doe, o 16 de novembro, e o documental sobre a vida de María Casares, que pechará o ciclo o xoves 30 de novembro. Todos elas serán ás 20:30h, no Centro Cultural e a entrada será de balde.    

 Esta actividade é promovida pola Academia Galega do Audiovisual, conta co apoio das catro Deputacións provinciais e do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario