A totalidade das parroquias tudenses contan con sesións de “Cultiva a mente” nas que participan preto de 180 de persoas
• O alcalde e o concelleiro de Servizos Sociais asistiron ao inicio da actividade en Baldráns e Paramos
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, asistiron á primeira das sesións do programa “Cultiva a mente” en Baldráns e Paramos
Foto: C.T.
Infogauda / Tui
Baldráns e Paramos son as dúas parroquias tudenses que esta temporada se incorporaron ao programa “Cultiva a mente” organizado polo Concello de Tui, co que o mesmo chega a totalidade do municipio. Son preto de 180 persoas as que participan nesta iniciativa, realizada en colaboración con AFAGA, que promove un envellecemento activo, a socialización e traballa na prevención.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, asistiron nos últimos días á primeira das sesións do programa “Cultiva a mente” en Baldráns e Paramos dando é benvida á persoas usuarias e amosando a súa satisfacción pola extensión do programa, posto en marcha en 2019, á totalidade das parroquias tudenses.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, lembrou a importante aposta que dende o Concello de Tui se fai polo eido social, e destacou coma dende o primeiro momento con “Cultiva a mente” apostouse pola descentralización deste servizo achegándoo á cidadanía das distintas parroquias.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, felicitou as persoas participantes nesta actividade, aludindo á excelente acollida que ano a ano foi rexistrando o programa que foi pouco a pouco ampliando o número de centros nos que se impartía, e que este ano, salientou, chega xa á totalidade das parroquias. Amosou amais o seu convencemento no bo resultado do programa no que se traballan distintos aspectos para que as persoas maiores de 55 anos se manteñan en activo.
O prazo de inscrición no programa permanece aberto ao longo de todo o ano a través do impreso dispoñible en tui.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario