O director rosaleiro Gon Caride leva o rural galego ao máis alto con ‘Morte e o meu avó’
• O Concello felicita ao cineasta polo premio acadado no festival Rurales cunha obra que fusiona documental e ficción rodada en parte nas Eiras
Infogauda / O Rosal
Nun lugar no que o tempo parece deterse, a morte convértese nunha compañeira cotiá, pero tamén nunha oportunidade para reflexionar sobre a vida e a memoria. Así é ‘Morte e o meu avó’, a curtametraxe do director rosaleiro Gon Caride coa que acaba de gañar o premio á mellor curta de ficción e animación do festival Rurales, celebrado en Espinama (Cantabria). O Concello rosaleiro traslada os seus parabéns ao director polo galardón a unha obra rodada en parte nas Eiras.
A curta, que contou coa colaboración do Concello do Rosal, conta con máis dunha ducia de nominacións ás súas costas e foi tamén galardoada como mellor curtametraxe galega no City Blue Film Festival, de Vigo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quixo destacar a importancia para o concello dunha obra “que soubo capturar a esencia do noso territorio. Unha homenaxe ao rural, ás súas xentes e ao inexorable paso do tempo pola que só podemos felicitar a Gon Caride e sentirnos orgullosas e orgullosos de formar parte da historia”.
O filme explora entre o documental e a ficción a complexa relación entre a infancia, a vellez e a inevitable presenza da morte no día a día. O xurado do concurso salientou que a curta é unha fermosa e emotiva reflexión sobre as trampas da memoria e a fantasía dunha infancia perpetua, levando ao público a un diálogo íntimo e profundo entre a vellez e a morte.
Este éxito non só coloca a Gon Caride como un dos cineastas galegos máis prometedores, senón que tamén reforza a importancia do cine como ferramenta para preservar e reinterpretar o noso patrimonio rural. “Este premio é unha mostra de que o noso rural ten moito que ofrecer tamén como inspiración para historias que nos conectan coas nosas raíces máis profundas. Moitas grazas Gon por levar a esencia do Rural ao mundo”, salientou a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario