HOMENAXE OS HOMES ASASINADOS A TIROS EN ALXÉN
• O acto foi organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, e contou coa colaboración do Concello de Salvaterra de Miño
Helena Pousa Ortega* / Salvaterra de Miño
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña acaba de inaugurar un novo monumento que serve para sinalizar unha zona na parroquia de Alxén, en Salvaterra do Miño, onde foron asasinados a tiros un grupo de cinco homes, o 18 de outubro de 1936. Deixáronos alí tirados na cuneta da antiga estrada de Salceda a Salvaterra para que a xente que por alí pasase, vise estes homes paseados ás cinco da mañán. Unha veciña que vivía preto e escoitara os tiros foi ver quen eran, pero non os recoñeceu porque non eran desa parroquia nin de Salvaterra. Ao día seguinte, os veciños metéronos nuns caixóns e leváronos ao adro do cemiterio de Cabreira, onde foron soterrados nunha foxa no chan do adro.
Aínda hoxe pemanecen alí e nunca foron reclamados polos seus familiares porque de seguro non saben que os mataron nese lugar. Este cinco cadáveres veñen aumentar a amplísima nómina de desaparecidos durante a guerra civil.
Para os que queremos dar a coñecer estes feitos e romper co silenzo que ocultou a verdade, sabemos, parafraseando uns versos de Rafael Bárez, que estivo na cadea da Coruña no ano 1972, os tiros que penetraron nos corpos destes homes, xa foran disparados moito tempo antes.
O acto que foi guiado por Antón Lorenzo (Xaque), comezou cunha peza musical interpretada por F. Abreu, e nel falaron na seguinte orde: Ángel López, que explicou detalladamente todo o que se sabe sobre estes homes pois leva tempo facendo investigacións sobre estes descoñecidos a través dos testemuños da xente da zona. A seguir, José Novás Piñeiro, que foi alcalde de Bueu, e que tamén se dedica á investigación memorialística na comarca do Morrazo, explicou que hai cinco persoas desparecidas en Moaña e que quizais estean relacionados con estes da foxa de Cabreira. En terceiro lugar falou o historiador Xosé Ramón Paz Antón que explicou que hai moitas fosas comúns no sur de Pontevedra, moitas delas na zona miñota. Neste acto tamén participou Xespi que leu un emotivo poema escrito para esta ocasión. Ao final do acto, tras unhas palabras da presidenta da Comisión, Helena Pousa, procedeuse ao descubrimento da placa e a colocación dun ramo en homenaxe ás vítimas, e cantouse o himno galego.
A Comisión conseguiu erguer este monumento, que consta dunha pedra cunha placa feita por Manolo Sestelo e mais unha oliveira como símbolo da paz, coa axuda do concello de Salvaterra que correu cos gastos.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica organizou este acto en Salvaterra, porque queremos rehabilitar e dignificar a memoria destas persoas vilmente asasinadas e, no futuro, dar a coñecer os seus nomes e transmitírllelo ás súas familias.
* Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario