23 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal pecha o ano con tres novos cafés a prol da igualdade  

 Chegan tres novos encontros deste programa co que o Concello busca crear un espazo de reunión para familias no que abordar diferentes temas de interese  

 O cancro de mama, os ciber delitos e a prostitución serán o eixo central destes encontros que se celebrarán o último xoves de mes en establecementos hostaleiros rosaleiros  



 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal rematará este 2023 cunha nova edición dos seus ‘Cafés en Igualdade’, un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar de xeito cómodo e distendido ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal e que tivo grande éxito de acollida en todos os encontros celebrados ao longo deste ano.  

 A primeira sesión deste novo trimestre dos ‘Cafés en Igualdade’ será este xoves 26 de outubro, na que a traballadora social da Asociación Española contra o Cancro (AECC) Sonia Cousillas Creo falará sobre o cancro de mama e as patoloxías con máis incidencia feminina. Será en horario de 17.30 a 18.30 horas na cafetería A Liga, na Praza do Calvario.  

 O vindeiro mes de novembro, o xoves 30 a axente da Garda Civil Elena Domínguez abordará con todas as participantes unha cuestión de vixente actualidade, os ciber delitos, facendo especial fincapé nos delitos con enfoque de xénero. Esta sesión será na Tapería A Praza, no Calvario. 

 O ciclo pechará o ano o 28 de decembro da man de Águeda Gómez, socióloga e profesora na Universidade de Vigo, que dará unha interesante charla sobre a prostitución, debuxando para todas as asistentes un mapa completo da explotación sexual. Esta última sesión celebrarase na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario.  

 Todas as sesións serán de balde de 17.30 a 18.30 horas, unha hora ao mes que procura ser un balón de osíxeno para todas as familias rosaleiras. “Cando falamos de conciliación sempre pensamos na necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co doméstico e coas responsabilidades familiares, pero debemos lembrar que tamén é moi importante dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal de cada persoa. E iso é o que creamos cos ‘Cafés en igualdade’, un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para conversar de forma distendida sobre temas de interese”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario