A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050
• O xoves 26 preséntase na Librería Tanco
• A presentación contará coa presenza de dúas das 17 autorías da obra: Kai Lois Baltrusch e Alba Guzmán Falcón para debater arredor do futuro da lingua.
Redacción / Ourense
Unha viaxe de 10.000 días
Que nos depara o 2050? Como estará a nosa lingua así que pasen 10.000 días? Falaremos o galego que falamos agora? E que ten que pasar para que sigamos a falalo?
Este será o debate que dará forma á presentación d´A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 que terá lugar o xoves 26 ás 19:45 na libraría Tanco, de Ourense (Rúa Cardenal Quevedo, 22). Para falar desta obra coral contaremos coa presenza de dúas das 17 autorías; Kai Lois Baltrusch e Alba Guzmán Falcón dialogarán sobre a situación da nosa lingua e sobre como perciben o seu futuro.
Imaxinando o futuro da lingua
Esta obra parte das mesmas preguntas formuladas na obra A lingua en 2050 (Catro Ventos, 2021), «Como cres que estaremos a mediados de século?» e «Como desexas que esteamos a mediados de século?». Constitúe a réplica da xeración nova, persoas menores de 30 anos no momento da publicación que proveñen de eidos diversos (ciencia, música, tradución, xornalismo, docencia…) e que falan de como ven a lingua na actualidade, imaxinan o seu futuro e comparten os desexos que teñen para ela.
Unha listaxe para non perder: Alba Guzmán Falcón, Alba María Rodríguez Díaz, Alberto Mira (Berto), Branca Trigo Cabaleiro, Carla Míguez Bóveda, Daniel Amarelo, Ismael Ramos, Julieta Insagaray, Kai Lois Baltrusch Montero, Manuel Arca Castro, Nee Barros, Sara Seco Rial, Sara Villar Aira, Tamara Andrés, Tensi Gesteira Estévez, Xabier Benavides da Vila e Xanhe Redondo García (o Rabelo).
As persoas relatoras
Kai Lois Baltrusch Montero
Kai naceu en Vilar (Mondariz) hai 26 anos. Estudou Bioloxía e Enxeñaría Agrícola. Comezou a traballar recentemente como investigadore nun laboratorio vinculado ao aproveitamento sostible de biomasa. Participou en movementos ecoloxistas globais (entre outros, Extinction Rebellion), mais agora prefire centrar o esforzo político no desenvolvemento dun proxecto de ekoaldea autoxestionado, no interior da Galiza. Até a data, publicou o poemario Ixinia, XXII Premio Franciso Añón. Soña coa transición a un novo sistema baseado na liberdade, a ecoloxía e a xustiza sociais.
Alba Guzmán Falcón
É autora e comparte a súa paixón pola escrita e os libros cos estudos de Enxeñaría Mecánica na Universidade de Vigo. Ao longo dos últimos anos acadou varios recoñecementos, entre os que destacan os premios Minerva, RAG ou Xuventude Crea que lle outorgaron á súa primeira obra, Xoaniña de Deus (Xerais, 2022). Esta traxectoria literaria vai ligada ao seu compromiso pola defensa da nosa lingua, cultura e identidade nas vindeiras xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario