25 de out. de 2023

O ROSAL

Eduardo Méndez amosará os 300.000 anos do traballo en pedra en Galicia, nas III Xornadas de Patrimonio do Rosal  

 Ofrecerá unha charla este sábado 28 de outubro, ás 11.00 horas, no Centro Social Polivalente, e unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño 

  

O investigador Eduardo Méndez Quintas nunha actividade divulgativa precedente
Foto: Bruno Centelles


Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para unha nova sesión rememorando o pasado ao abeiro das Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades de balde para todos os públicos coas que o Concello busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro tanto material como inmaterial.  

 Este sábado 28 de outubro o público poderá revivir os ‘300.000 anos do traballo da pedra en Galicia’ da man de Eduardo Méndez Quintas, investigador posdoutoral Xunta de Galicia na Universidade de Vigo centrado na investigación da Prehistoria antiga europea e africana.  

 A charla será ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente e rematará ás 12.00 horas cunha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño. 

 Méndez desenvolve as súas investigacións en diferentes xacementos paleolíticos peninsulares como El Sotillo (Ciudad Real), Cuesta de la Bajada (Teruel) e máis especialmente na conca do río Miño. Nesta zona lidera os proxectos en xacementos como Arbo, Porto Maior, Gándaras de Budiño ou A Piteira. Ademais é codirector do proxecto de Melka Kunture (Etiopía) e ‘The Olduvai Paleoanthropology and Paleoecology Project’ na Garganta de Olduvai, en Tanzania.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario