Visita institucional
Abel Losada e o alcalde de Arbo aplauden a colaboración institucional e destacan a chegada dos fondos estatais e europeos
O subdelegado exemplifica en Arbo o cumprimento de obxectivos da Axenda 2030 e da Estratexia de Reto Demográfico
“O Goberno de España está a converterse nun actor protagonista para garantir a calidade dos servizos nos concellos do rural”
Infogauda / Arbo
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o Concello de Arbo onde mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde Horacio Gil e comprobou o avance de distintas actuacións financiadas polo Goberno de España, tanto con fondos estatais como europeos.
Losada e Gil destacaron a importancia da colaboración institucional para garantir o futuro dos concellos do rural. Losada, que asinou no Libro de Honra do Concello, agradeceu a colaboración da Alcaldía para sacar adiante iniciativas para a mellora da súa iluminación pública cos fondos IDAE que o Goberno de España asignou á Deputación de Pontevedra durante o pasado mandato municipal. Ademais, recordou que Arbo está incluído no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Condado-Paradanta, tamén xestionado polo anterior Goberno provincial, dotado con 1,5 millóns de euros. Asimesmo, aludiu ás melloras na contorna fluvial da man da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Na xuntanza abordáronse tamén as melloras no comercio local co programa “Da Túa Man”, que tamén conseguiu a Deputación durante o pasado mandato e, finalmente, o avance imparable do despregamento da fibra óptica por todo o municipio co impulso do programa ÚNICO do Goberno de España, ofrecendo así a toda a veciñanza oportunidades de competitividade dende o mundo rural.
“A Axenda 2030 e a Estratexia de Reto Demográfico non son palabras baleiras, senón investimentos que se traducen na mellora dos servizos que recibe a xente que reside no rural, que ten dereito a gozar das mesmas expectativas persoais e profesionais que a que reside no ámbito urbano”, subliñou Losada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario