INTERVENCIÓN DO ALCALDE DE A GUARDA, NA PRESENTACIÓN DO LIBRO “PIUEIRO.CADERNO DA TRIPULACIÓN”
Foto: Alvarellos Editora
Infogauda / A Guarda
O texto que imos reproducir, corresponde íntegramente a intervención de Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello de A Guarda, no acto de presentación - o pasado día 12 deste mes - do libro Piueiro. Caderno da Tripulación. (Alvarellos Editora). Un volume ideado - como saben moitos dos lectores deste xornal dixital transfronteirizo -, polo fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez, e que conta cos versos de Marta Dacosta Alonso e fotografías da autoría de Manuel Álvarez Álvarez, cuxa publicación foi impulsada pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda.
“Boas tardes a todos e todas e benvidos sexan á Casa dos Alonso, sede do Concello da Guarda.
É de obrigado cumprimento que saúde en primeiro lugar os membros presentes da corporación municipal, así coma o concelleiro de cultura, os…Alcaldes… ou concelleiros de outros municipios…
Asemade tamén, saludar a todos os membros das diferentes asociacións guardesas convidadas, nomeadamente a Asociación Piueiro, familiares de Domingo Carrero Alvarez “Minxos” así como a todos os veciñas e vecinas e amigos que hoxe nos acompañan.
Neste estrado aconpáñanme: O fotógrafo guardés Manuel Álvarez e a poeta Marta Dacosta; ambos autores do libro que hoxe presentamos.
Henrique Alvarellos, escritor y editor de esta obra O historiador e amigo Joaquín Miguel Villa Álvarez.
E finalmente o compañeiro, poeta e amigo Joaquín Cadilla “Balueiro”, mariñeiro, armador e presidende de Orpagu e da Asociación Piueiro.
Saúdo afectuoso e moitas grazas a todos e todas por vir.
Expresar tamen as grazas a Xunta de Galicia, a través da consellería de Cultura e de maneira expresa a Valentín Garcia Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, a editorial Alvarellos, a Orpagu e Piueiro pola imprescindible colaboración.
Nin o Miño é o Limia (o Lethes -que corrixirían os puristas-), nin tampouco os mariñeiros da Guarda son descendentes do xeneral romano Décimo Xuño Bruto… Con todo, o esquecido, ou máis ben, o aletargado, toma nome e imaxe grazas á obra que hoxe presentamos: “Piueiro. Caderno da tripulación”. Ademais, se A Guarda se concibise sen o mar, ¿podería acaso entenderse sen as súas xentes?
Se isto non é verdade pode servir, polo menos, de pórtico para a aventura que imos iniciar. A nosa vila, noutrora castrexa e plebea, fronteiriza e emigrante e, actualmente, máis turística que vangardista, segue prosperando con paso firme e decidido polos novos “mares santiagueses”, de discutido trazado transminhoto, que nos unen a Europa e aos nosos irmáns de sangue neste primeiro terzo do século XXI. Con todo, volvamos ao que interesa: este libro en cuestión.
A imaxe, sexa pre-figurada, pictórica, fotográfica, de vídeo ou dixital, constitúe un retrinco de historia. Cousa diferente é a tradución e interpretación desa representación visual.
Conceptual e filosóficamente, a imperiosa necesidade do home moderno de acabar coa supremacía dos estamentos privilexiados e as súas características simbólicas, unida ao positivismo máis radical, aparellado ao provocador elemento contemporáneo que supuxo o tránsito da sociedade pre-industrial á industrial, a mudanza ao postmodernismo ou transmodernismo, segundo se considere, e a metamorfose social que evidenciou a actual globalización da cultura da immediatez de masas que implican as redes sociais e o futuro presente (¡permítaseme o oxímoron!), o futuro presente da intelixencia artificial, desemboca, artisticamente falando, na fotografía. En palabras máis prosaicas e para que se me entenada e, iso sí, sen ningún tipo de desdén cara a modernos mecenas, pintores e burgueses de nova factura patrocinadores de arte: as fotografías son os cadros máis comúns e económicos que posuímos a maior parte dos mortais (¡mutatis mutandis!); así mesmo, conforman a nosa particular narración e exposición de acontecementos pasados porque nas fotos temos un anaco atemporal de historia.
Como a morriña e a melancólica elexía manriqueña forman parte do ser humano, expresado naquilo de “a nuestro parecer, cualquiera tiempo pasado fue mejor”, hoxe preséntasenos este coidadoso libro grazas á iniciativa duns veciños curiosos, románticos e sumamente namorados do noso pobo e a súa tradición marítima. Que siga así por moitos anos!
Nos cofres náuticos e rostros das nosas xentes acháronse expresións íntimas e sempiternas; exhumáronse trazos e aspectos que forman o acervo patronímico de toda a “gens” guardesa.
Retratos asexantes, rostros adustos captados con mestría, aspectos nostálxicos de singraduras perdidas, mareiros traballados co paso dos anos, paisanos ou personaxes representativos, etc. combínanse excepcionalmente nun caleidoscopio de instantáneas singulares cun denominador común: a cultura marítima da Guarda e a súa idiosincrasia de peculiaridades diferenciadas. Se a iso lle engadímos a especia simbólica máis enxeñosa do sentir humano; isto é: a poesía,..., obramos o milagre dun manxar suculento e condimentado para o noso deleite gustativo.
Por suposto que non están todos as que son (vana presunción sería!); pero polo menos, si son algúns dos que hai. Todos eles son Historia da Guarda.
Aínda que algúns surcaremos a confusa xeografía subterránea fluvial e marítima do máis aló, como é o caso desta homenaxe bibliográfica e póstuma ao Minxos, tamén estou convencido que futuras xeracións poderán embarcarse “allende los mares” e continuar o labor iniciado recollendo esta sedutora testemuña para chegar xuntos ao crepúsculo das Chairas Eliseanas.
Moitas grazas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario