19 de dec. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés visita en Málaga ao seu principal rival polo liderado 

• O equipo do Baixo Miño medirase este venres ás 21.00 horas ao Costa del Sol Málaga (Ciudad Deportiva Carranque) no Partido Estrela da décima xornada ligueira, que será emitido en Teledeporte 

• O duelo enfrontará aos dous principais contendentes polo liderado, que ostenta agora mesmo o Mecalia Atlético Guardés por un punto de vantaxe, a falta dun partido aprazado do Málaga 

• Persiste a baixa por enfermidade de Estela Carrera, que será suplida de novo con Yanet Rodríguez 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés quere pasar o Nadal cos deberes feitos. A Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025 retoma a actividade de xeito oficial esta semana na súa décima xornada, e a volta da competición supón para o equipo da Guarda disputar un dos duelos cruciais da tempada na loita polos primeiros postos clasificatorios. Este venres 20 de decembro ás 21.00 horas, o Mecalia Atlético Guardés visitará o feudo do Costa del Sol Málaga, rival que ocupaba o liderado da táboa ata que precisamente as de Ana Cristina Teixeira Seabra arrebatáronllo coa súa vitoria ante Aula a pasada semana. Sen dúbida un encontro de alta tensión e importancia para ambos equipos e que ademais constituirá o Partido Estrela da xornada, e será emitido en directo en televisión a través de Teledeporte. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro coa vantaxe de reiniciar a competición antes do previsto, ao recuperar a pasada semana o partido aprazado contra Aula. Partido que se saldou precisamente cunha vitoria das que van directas á autoestima para o Mecalia Atlético Guardés, que soubo tirar de experiencia para impoñerse ás locais nos últimos minutos, despois de ter sufrido outros tantos por un esixente ataque a 7 valisoletano (21-24). 

 Pola súa parte, o último partido de Liga do Málaga remóntase ao pasado 6 de novembro (xornada 8), sumando unha semana adicional afastado da competición ao aprazarse o seu partido de novena xornada contra Elda Prestigio á primeira semana de xaneiro. E se ben o Costa del Sol disputou dende entón algúns partidos na Copa Europea EHF e varias das súas xogadoras participaron en competicións internacionais durante o parón, as de Ana Cristina Teixeira Seabra contan cunha semana de vantaxe en canto a retomar a mentalidade ligueira que podería marcar a diferenza. 

 Polo demais, precisamente no conxunto da adestradora do Mecalia Atlético Guardés persisten algunhas ausencias importantes. Segue a notarse a baixa de Elena Martínez, debida á súa rotura de ligamento cruzado e meniscos, xa que aínda continúan as dificultades para o equipo da Guarda á hora de atopar unha nova fichaxe coa que poder resarcirse desta lesión. Ademais, a ela súmase tamén Estela Carrera, que aínda non se recuperou da enfermidade que xa a apartou da competición a pasada semana. A convocatoria verase reforzada de novo coa porteira xuvenil Yanet Rodríguez. 

 En canto ao anfitrión, o Málaga recibirá o encontro dende a segunda posición da táboa. O equipo andaluz presume dun inicio de tempada case impecable, con sete vitorias e un empate, e mantense coma o único invicto da categoría a estas alturas. Se se alzaron como campioas de Liga en 2022/2023 e culminaron a pasada tempada cun meritorio bronce, as de Jesús Gallardo seguen apuntando alto este ano e supoñen, sen dúbida, o rival principal polo liderado para o Mecalia Atlético Guardés, que o supera neste momento na clasificación a falta dun partido aprazado que as anfitrioas recuperarán o vindeiro 4 de xaneiro. 

 A última vez que ambos os dous equipos se cruzaron data de marzo deste ano, cando a Ciudad Deportiva Carranque viviu unha folgada vitoria local que deixou ás de Ana Cristina Teixeira Seabra con pouco que dicir (35-29). E a visita das andaluzas á Sangriña correu a mesma sorte, aínda que deixando ao Mecalia Atlético Guardés un pouco máis de marxe de manobra (27-28). En definitiva, non cabe dúbida de que o Mecalia Atlético Guartdés ten en mente a dureza do seu rival, equipo veterano na categoría e cun palmarés que deixa claro que a deste venres non será unha ponte sinxela de cruzar no camiño cara ao máis alto da categoría. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Teremos que cometer poucos erros e ser moi constantes” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide con esta valoración do Costa del Sol Málaga, a quen considera “un equipo con moita experiencia”, que ofrecerá “outro partido difícil” xa que ademais “vai xogar na súa casa”. 

 A técnica remite o mantra da pasada semana, que se centraba na concentración e en evitar certos erros para afrontar con éxito a visita ao Aula Valladolid. E aínda que o Mecalia Atlético Guardés logrou impoñerse, foron precisamente algúns erros e despistes os que o levaron a sufrir durante varios minutos nos que semellou escapárselle a vitoria. 

 Por todo isto, Seabra insiste aínda máis nesta autoesixencia de cara ao partido de Carranque, onde quizais as súas non terían a posibilidade de resarcirse destas faltas: “Por suposto que queremos competir polos dous puntos, pero somos conscientes de que teremos que cometer poucos erros e ser moi constantes en tódalas fases do xogo”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 10 

Costa del Sol Málaga – Mecalia Atlético Guardés  

Venres, 20 de decembro, ás 21:00 horas 

Ciudad Deportiva Carranque (Málaga) 

Será emitido en directo por Teledeporte: https://www.rtve.es/play/videos/directo/balonmano-malaga-guardes-liga-guerreras/

Ningún comentario:

Publicar un comentario