25 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal avanza cara a creación dunha mesa municipal contra a violencia de xénero   


Persoas que participaron nas formacións específicas para a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC)

Infogauda / O Rosal

 A Secretaría Xeral de Igualdade vén de celebrar no concello de O Rosal unha serie de formacións específicas ao persoal para a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC).  

 Unha mesa local de coordinación interinstitucional é un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirecta- mente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración de dereitos que supón a violencia de xénero. O obxectivo xeral da MLC é promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.   

 A implicación de todos os servizos e persoas implicadas é fundamental nesta ferramenta, de tal xeito que ademáis da alcaldía, a concellería competente na materia e o persoal técnico en materia de violencia de xénero, forman parte da mesa a policía local, outras forzas e corpos de seguridade do estado, os centros educativos, os servizos sanitarios, os servizos sociais e outros axentes de ámbito xurídico, laboral, etc.   

 Este é un paso máis no traballo do concello en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero. “A loita contra a violencia de xénero non permite pausas. Temos que traballar arreo dende as institucións e como sociedade para seguir dando pasos que permitan que nun futuro, o máis cercano posible, erradiquemos para sempre esta lacra da nosa sociedade”, declara Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.  

 Nas xornadas celebradas déronse pasos para concretar as diferentes necesidades, de cara á creación desta mesa local no ano 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario