18 de out. de 2023

A GUARDA

A Asociación San Xerome lidera o proxecto ERASMUS+ “TEATRADAS – O teatro dános ás para voar” 

 Cofinanciado polo Programa Erasmus+ Mocidade


Durante unha semana, e ata o vindeiro domingo 22 de outubro, un grupo formado por 49 persoas (24 mozos con discapacidade coas súas respectivas persoas acompañantes) están a vivir unha experiencia única e irrepetible en Galicia

Foto: A.S. X.

Infogauda / A Guarda

 A Asociación San Xerome Emiliani da Guarda (Pontevedra), entidade sen ánimo de lucro promovida por nais, pais, familiares e amigos de persoas con diversidade intelectual, que facilita ao devandito colectivo e ás súas familias apoios e servizos profesionais para o seu crecemento persoal, integración socio-laboral, igualdade de oportunidades, desenvolvemento comunitario e inclusión, lidera o proxecto ERASMUS+ “TEATRADAS – O teatro dános ás para voar”. 

 Despois de vivir unha primeira experiencia de intercambio xuvenil internacional en Italia na primavera de 2023, desenvolvemos agora en Galicia a segunda mobilidade deste proxecto que a través do teatro, expresión artística e a música conecta a persoas de diferentes puntos de Europa. 

 Nesta andaina, que iniciamos o ano pasado co proxecto europeo “TEATRICARTE – Teatro e Arte comunícannos sen límites” (cofinanciado polo Programa Erasmus+ Mocidade), sumáronse un gran número de entidades galegas que traballan con persoas con discapacidade. Isto débese a vivir unha marabillosa experiencia e crear lazos e relacións que perduraron no tempo. Este ano sumáronse máis entidades a este proxecto, ofrecendo así máis oportunidades para cumprir os seus soños a través desta aventura. 

 As entidades que formamos parte do proxecto ERASMUS+ TEATRADAS somos: ACCESCA (Porriño); Alento (Vigo); AMICOS (Boiro); APAMP (Vigo); ASPABER (Carballo);  Centro Juan María (Nigrán), Fundación FOLTRA (Santiago de Compostela); Fundación IGUALARTE (Vigo); Hogar e Clínica San Rafael (Vigo); Centro Ocupacional Terra de Celanova (Celanova); a entidade italiana Associazione Pegaso ETS (Bisceglie, Bari) e San Xerome Emiliani (A Guarda) como asociación que lidera o proxecto.   

 A través destes proxectos, as persoas con discapacidade gozan de oportunidades reais de viaxar, crear novos vínculos, vivir unha cultura diferente, potenciar os seus talentos e descubrir outros novos… En definitiva, compartir unha experiencia deste tipo axúdanos a alcanzar as nosas metas. 

 Durante unha semana, e ata o vindeiro domingo 22 de outubro, un grupo formado por 49 persoas (24 mozos/as con discapacidade coas súas respectivas persoas acompañantes) están a vivir unha experiencia única e irrepetible en Galicia, realizando diversas actividades vinculadas á música, teatro, expresión corporal, artesanía, pintura… xerando vínculos, reforzando as amizades xa creadas na primeira mobilidade en Italia e creando outras moitas novas amizades. Estas actividades están a desenvolverse a través dos servizos das diferentes entidades que forman parte do proxecto e explorando as oportunidades que a contorna cultural ofrécenos. 

 Por isto, o obxectivo do proxecto ERASMUS+ “TEATRADAS – O teatro dános ás para voar” é proporcionar a nosas persoas mozas con discapacidade un intercambio onde se unen diferentes culturas e que lles permite utilizar o teatro e as artes como medio de comunicación, sen límites físicos, intelectuais, sensoriais nin lingüísticos, como lle gustaría realizar a calquera persoa desta idade.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario