Patrimonio, natureza, turismo activo, gastronomía…, atractivos do verán tudense
Infogauda / Tui
O seu patrimonio histórico e natural, as rutas guiadas, o turismo activo, a gastronomía, … son algúns dos atractivos que o municipio de Tui ofrece ao longo deste verán. A proposta para #Tuiristear durante este mes de agosto é ampla e variada.
Perderse polas rúas do conxunto histórico camiñando até a catedral de Santa María, cun claustro medieval único en Galicia, é so o comezo dun fermoso paseo. No percorrido polas súas naves podemos admirar o crisol de estilos arquitectónicos que atesoura, mentres que a visita ao seu xardín ou ás torres permiten gozar das vistas panorámicas do Miño, de Portugal e do propio conxunto histórico. As rúas estreitas e empedradas coma Entrefornos, os túneles da Misericordia ou As Monxas, son lugares de paso obrigados, xunto ao convento de San Clara, coñecido popularmente coma das “encerradas , ao igual que as igrexas de san Domingos ou san Bartolomeu. Algunha destas rúas forman parte da Ruta Xudía, que realiza un percorrido polos vestixios da presenza xudía e criptoxudía na cidade. Estas rutas poden realizarse de forma autoguiada e xeolocalizada a través da aplicación turismotui.mobi/ dispoñible en galego, castelán e inglés, ou seguindo os códigos QR accesibles na sinalización xunto a distintos monumentos. Tamén é posible contactar cos guías turísticos locais que realizan rutas guiadas a diario.
O parque natural do Monte Aloia, o primeiro espazo natural protexido de Galicia, é outro dos punto de interese a visitar. No seu Centro de Interpretación ofrécennos as claves para descubrir a riqueza en fauna, flora, e paisaxe deste lugar seguindo algunha das rutas establecidas. Tamén podemos percorrer o paseo fluvial á beira do Miño e contemplar os moitos atractivos deste río que permite a práctica de turismo activo, a través de distintas empresas locais con propostas de paseo en piragua, padelsurf, ou barco turístico. Para os máis atrevidos tamén é posible realizar rafting augas arriba.
Entre as opcións para percorrer Tui está ao tren turístico que comunica a cidade, dende a praza da Inmaculada, con Valença, ou se pode optar por paseo en bicicleta ou mesmo a cabalo.
A gastronomía é sen lugar a dúbida outro dos grandes atractivos da cidade. Os múltiples locais existentes, tanto no zona antiga coma en todo o termo municipal, ofrecen dende pratos tradicionais da cociña galega á elaboracións máis de vangarda. Cómpre salientar nas sobremesas os peixiños de améndoa que elaboran as monxas “encerradas” e que se poden mercar no propio convento. Todo isto maridado cos viños das Rías Baixas, e mesmo coa posibilidade de realizar enoturismo nalgunha adega.
Para aqueles que opten por pasar en Tui máis dun día a cidade ofrece distintas alternativas de aloxamento dende albergues, hostais, hoteis, un Parador e un Balneario.
Todas as persoas que durante este mes de agosto visiten Tui poden gozar tamén da ampla oferta cultural e de lecer que se realiza no municipio.
Toda esta información pódese ampliar na Oficina Municipal de Turismo, no céntrico Paseo da Corredoira que abre de luns a domingo de 9.30 a 13.30 h e de 16 a 19 h.
A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta coma estas actividades reflicten a vitalidade do sector turístico tudense, que día a día gaña peso na economía local, e que realiza unha forte aposta pola calidade coma testemuñan a ducia de establecementos que contan co recoñecemento de calidade Sicted.
A pé, a cabalo, en bicicleta, en piragua, en barco, ou até en tren percorrer Tui é toda unha experiencia para o visitante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario