11 de ago. de 2023

TOMIÑO

AS CONCELLEIRAS DO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE NO CONCELLO DE TOMIÑO DENUNCIAN 

A FALTA DE TRANSPARENCIA E O ESCURANTISMO PRACTICADO POLO GOBERNO NACIONALISTA


Violeta de Santiago - a der. - e Mirta Misa, concelleiras do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño

PSdeG-PSOE / Tomiño

 O xoves día 10 de agosto celebrouse en Tomiño pleno ordinario no que entre outras cuestións foi tratada a aprobación inicial da modificación puntual n° 10 do plan xeral de Tomiño. 

 Esta modificación puntual para nun futuro implantar chan industrial no noso concello, abrangue dende Goián a Estás, ten unha lonxitude de 3 km. e serán 1.134.000m2 a modificar, a maioría de rústico a solo industrial, urbanizable e de dominio público. En marzo do ano 2021 este proxecto foi presentado á Xunta de Galicia, pero nin os propietarios e afectados nin a oposición tiveron coñecemento desta actuación ata o de agora. 

 Como é posible que un proxecto desta envergadura leve oculto durante anos? Pregúntanse dende o PSdeG-PSOE de Tomiño e denuncian unha vez máis a falta de transparencia e o escurantismo practicado sistematicamente polo goberno nacionalista, neste caso, nun tema tan importante como a ordenación do noso territorio. 

 As e os afectados queren saber si o desdobre da recta de Figueiró está vinculado a este proxecto, si houbo algunhas persoas que se beneficiaron durante estes anos comprando terreos rústicos sabendo que ían a recalificarse como urbanizable ou empresarial, porque ao longo destes anos non houbo ningún contacto cos e cas propietarias para informarlles… 

 Moitas son as preguntas que se fan os donos das terras e as socialistas demandan respostas, polo que abstivéronse na votación, porque si ben é certo que Tomiño necesita urxentemente chan industrial, a transparencia, a participación veciñal e as boas prácticas son indispensables en procesos como este. 

 As socialistas levaron tamén unha moción para crear unha comisión de honras e distincións en Tomiño, ao igual que existe na maioría dos Concellos, para regular a participación veciñal con representación de personalidades no eido cultural e social para achegar o concello á cidadanía e a transparencia do mesmo. A moción, transaccionada, foi finalmente aprobada por unanimidade. 

 Foi presentada tamén polas socialistas unha moción de urxencia, a petición da familia do pintor Mario Rodríguez, tomiñés distinguido no ano 2017, na que piden o acordo do Pleno para que o Concello inicie negociacións para asumir a restauración dunha parte do seu legado pictórico e asine unha cesión temporal para que estes cadros sexan expostos na biblioteca municipal, Espazo Isaura Gómez, tal como era a vontade e desexo do artista. A moción foi tamén aprobada por unanimidade, o que para Violeta de Santiago, pon de manifesto a vontade do grupo socialista de facer política útil para os tomiñeses e tomiñesas. 

 Ademais, tamén foi aprobada por unanimidade unha moción para esixir ao Sergas e á Xunta de Galicia a reapertura do consultorio de Goián, demanda da veciñanza que segue sen cumprirse, e que as socialistas temen sexa unha estratexia electoralista de cara a vindeiras eleccións autonómicas. Esperemos que non sexa así, e se reabra o consultorio médico de xeito inminente, pois é unha necesidade urxente da veciñanza, á que hai que darlle resposta xa, manifesta a voceira socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario