A Xunta de Galicia licita a redacción do proxecto da VAC Tui-A Guarda, no treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350
O obxectivo é darlle continuidade ás obras en execución, actualmente no tramo de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55
Redactarase un estudo para definir a solución construtiva do enlace completo co polígono de Areas, incluíndo os ramais en sentido Tomiño
Tamén se proxectará a construción dun novo paso inferior baixo a autovía que duplique o existente, para completar o enlace de Areas cara a Tomiño
A redacción deste proxecto enmárcase nun contrato de servizos máis amplo, para a redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas, que prevé un investimento global de 4 M€ e está dividido en 4 lotes, un por provincia
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de setembro
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia acaba de licitar a redacción do proxecto da VAC Tui-A Guarda, no treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350.
O obxectivo deste contrato é darlle continuidade ás obras xa en execución, actualmente no tramo de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55.
Estas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas supoñen un investimento autonómico de 30 M€ e son estratéxicas para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.
Contrato máis amplo
A redacción deste proxecto forma parte dun contrato de servizo máis amplo de apoio á redacción de proxectos que desenvolve a Axencia Galega de Infraestruturas, licitado por un investimento global de 4 M€ e que abrangue as catro provincias.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a algún dos 4 lotes que inclúe o contrato ata o vindeiro 7 de setembro.
Trátase de prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.
O contrato inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.
Este contrato permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.
Para facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, o contrato recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, que suporá un investimento estimado de 5 M€, ou a redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario