Ana Pontón destaca o papel dos concellos BNG na cooperación transfronteiriza xerando dinamismo económico e social
• Destaca a proposta de xestión conxunta do espazo natural do Miño
Infogauda / O Baixo Miño
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Tomiño para falar de cooperación transfronteiriza con Portugal que impulsan os concellos do BNG suplindo a inacción de Goberno central e da Xunta, con proxectos como a xestión conxunta do espazo natural do Miño, apostando tamén pola cooperación en cuestións de medio ambiente, un asunto crucial de presente e de futuro.
Ademais de lanzar a proposta de xestión conxunta do espazo natural do Miño, a líder do Bloque abordou en Tomiño a importancia da colaboración transfronteiriza con Portugal, -que xa impulsa o BNG tanto desde os concellos como desde a Deputación de Pontevedra-, nun encontro coa alcaldesa de Tomiño e candidata á reelección, Sandra González; a alcaldesa do Rosal e candidata á reelección, Ánxela Fernández; así como coa candidata de Tui, Carme Núñez, o candidato de A Guarda, Anxo Lois Baz e Mª Mercedes Martínez, presidenta da Entidade Local Menor, de Camposancos.
“Hoxe estamos aquí para recordar a importancia estratéxica que ten para Galiza a relación con Portugal, en particular para todos os concellos que integran a Eurorrexión, unha cuestión clave, desde o punto de vista económico e social, pero que o Goberno central e o Goberno da Xunta ignoran case por completo”, destacou Pontón.
Máis aló dos vínculos históricos, Portugal é un país “co que nos unen asuntos de futuro como as infraestruturas, a cohesión territorial, a economía ou a investigación e desde o BNG estamos facendo o que non fai o Goberno do PP: establecer instrumentos de cooperación transfronteiriza tanto desde os concellos como desde a Deputación de Pontevedra”, explicou.
Cun obxectivo: apostar pola cooperación para potenciar o desenvolvemento de todos os concellos implicados, creando sinerxías e oportunidades que beneficien a todos os municipios.
“En definitiva, facer da fronteira co veciño Portugal un lugar de oportunidades e non de conflito”, destacou, “e mentres o PP na Xunta está cruzando de brazos, os concellos do BNG traballan na cohesión territorial, captan e xestionan fondos para financiar proxectos transfronteirizos que melloran a calidade de vida das persoas a un lado e outro do Miño e así imos seguir con máis forza tras o 28M”, concluíu.
Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño puxo en valor a eurocidade Tomiño-Cerveira operativa desde 2008, “e estamos moi orgullosos de todo o que levamos feito en cooperacións transfronteiriza, levamos anos traballando en proxectos tan interesantes como o orzamento participativo transfronteirizo, as valedoras da cidadanía, proxectos que son para nós emblemáticos e que teñen merecido recoñecemento a nivel internacional, a nivel europeo”, explicou.
“Queremos remarcar é que o 30% dos cidadáns europeos viven nunha fronteira interior da Unión Europea, máis de 130 millóns de veciños e veciñas europeos, por iso o que reclamamos dos estados é que se afaste desa visión centralista, que se centren nos veciños que atravesamos diariamente esta fronteira para traballar, para compartir servizos, como é o caso desta eurocidade Cerveira-Tomiño, porque compartimos esa piscina municipal, por exemplo, e que se fagan políticas acaídas máis alá das fronteiras europeas”, afirmou Sandra González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario