CONCENTRACIÓN CONTRA EÓLICA MARIÑA
• A Confraría Santa Tecla, da Guarda convoca unha concentración, o sábado 20 de maio ás 12 h na praza Avelino Vicente, para amosar a súa firme oposición á instalación dun macropolígono de eólica mariña entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño.
• Mentres cada vez hai máis restricións para o sector da pesca, o Ministerio encargado de velar pola conservación do medio ambiente, o MITECO, abre a veda á instalación de macromuíños eólicos de 200 metros de altura a escasos 20 kilómetros da nosa costa.
Confraría Santa Tecla / A Guarda
Baixo o lema “O VENTO É GRATIS, A EÓLICA MARIÑA NON” a Confraría Santa Tecla convoca esta concentración para esixir a paralización dos proxectos de éolica mariña que pretenden instalar nas costas de A Guarda, Oia, O Rosal e mesmo Baiona. A recente aprobación dos POEM prioriza a produción industrial de enerxía fronte á protección da biodiversidade e a actividade pesqueira.
Tal e como promulga o MANIFESTO DE BURELA, que subscribimos plenamente, as persoas que vivimos do mar somos as máis interesadas en defender os ecosistemas mariños, que contribúen á xeración de emprego e creación de riqueza en vilas costeiras. Crendo firmemente na necesidade frear os devastadores efectos do cambio climático, desde Santa Tecla apostamos por unha transición enerxética xusta, compatible con actividades sustentables, que garanten a soberanía alimentaria e crean identidade, como é o caso da pesca.
Por estas razóns, desde unha comunidade pesqueira tradicional como é A Guarda, queremos manifestar nosa firme oposición a este tipo de proxectos e esiximos:
• Ao MITECO, a retirada dos POEM e a paralización de calquera proxecto de eólica mariña. Urxe acometer estudios científicos independentes e rigorosos sobre a afectación xerada por muíños e liñas de evacuación nas especies mariñas e o conxunto do ecosistema. A recente admisión a trámite no Tribunal Supremo do recurso presentado polas Confrarías, debería facer reflexionar á Ministra Ribera para decretar a paralización cautelar de calquera proxecto, pola irreversibilidade dos danos que se poden causar.
• Do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, unha oposición frontal a plans de saqueo dos nosos recursos pesqueiros. Instamos Ministro Planas a antepoñer a soberanía alimentaria fronte á especulación enerxética.
• Da administración autonómica, un posicionamento claro na defensa do sector pesqueiro. Rexeitamos os anuncios sobre eventuais fondos de compensación para paliar os prexuízos da eólica mariña, que implican per se un perigo real de afectación á pesca. Reclamamos que o Sr. Rueda exerza de presidente da Xunta e non de comercial do lobby enerxético.
Por último, queremos transmitir á cidadanía da franxa costeira do sur de Galicia e Norte de Portugal que este non é un problema que só afecta ás xentes do mar. A instalación dun macropolígono de enerxía eólica terá tamén repercusión en terra, afectando principalmente a concellos como A Guarda, Oia ou O Rosal, por onde previsiblemente discorreran as liñas de alta tensión para a evacuación da enerxía eléctrica, creando unha verdadeira “autoestrada” que fragmentará a paisaxe ao longo do seu trazado. Por isto, apelamos tamén a colectivos ecoloxistas, ambientalistas e organizacións sociais e veciñais a unirse ao sector pesqueiro nesta loita, porque o mar e a paisaxe do sur das Cíes ao Trega perténcenos a todas e todos. O vento é gratis, pero a eólica mariña pode saírnos moi cara se non lle plantamos cara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario