18 de maio de 2023

TOMIÑO

VIOLETA DE SANTIAGO TRABALLARÁ POR UN TOMIÑO QUE PASE DAS PROMESAS ÁS REALIDADES E QUE ESCOITE AS DEMANDAS DA VECIÑANZA  

David Regades, convencido de que “Violeta é a persoa idónea para aproveitar todas as oportunidades que están a chegar de Europa cos fondos Next Generation”  

Mirta Misa afirma que cando un veciño ou veciña ten un problema “peta na porta de Violeta, non na do Concello” 


Violeta de Santiago - no centro - con Gonzalo Caballero, Mirta Misa, David Regades, Fernando Pino, Duarte Fernandes e Charo Martínez

Violeta de Santiago, candidata á alcaldía de Tomiño, nun momento da súa intervención

 

Infogauda / Tomiño

 Cheo absoluto no Centro Cultural de Figueiró para respaldar a candidatura de Violeta de Santiago á alcaldía de Tomiño. A candidata do PSdeG-PSOE prometeu traballar por “un Tomiño das realidades, superando o Tomiño das promesas”. Afirmou que o actual Goberno municipal é “incapaz, está esgotado, é arrogante e padece unha total falta de ideas, que se plasma en obras sen sentido e alleas ás demandas que fai a veciñanza”. 

 A candidata contou co apoio do secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades e tamén coa presencia de Duartes Fernandes e de Renato Domingues, secretarios do Partido Socialista, de Vilanova de Cerveira e de Viana do Castelo, respectivamente. 

 A candidata socialista quixo destacar a loita do Partido Socialista de Tomiño, que dende a oposición  estes últimos catro anos, foi capaz de poñerse á fronte para resolver os problemas da xente porque “a uns gústalle levar os méritos e saír nas fotos; outras estamos contentas con traballar para a nosa veciñanza, que non é tonta e sabe quen está ao seu carón”.  

 De Santiago non quixo esquecerse da Deputación de Pontevedra presidida pola socialista Carmela Silva, “unha Administración que leva investidos en Tomiño máis de 18 millóns de euros nos últimos oito anos, pero que dende o Concello nin se menciona, nun intento de ocultar que é unha Administración presidida polo Partido Socialista a única que está a investir en Tomiño”. 

 O secretario xeral provincial, David Regades, reivindicou as políticas sociais con selo socialista que se aproban dende o Goberno do Estado e que repercuten na mellora da calidade de vida das veciñas e veciños de Tomiño, “para que sexa un lugar mellor para vivir”.  “A suba do salario mínimo, das pensións, a creación do Ingreso Mínimo Vital, as becas, a reforma laboral e a lei de vivenda, que impulsará a construción de vivenda protexida, son medidas que impactan na xente de Tomiño”, recalcou. 

 Regades tamén fixo fincapé nas potencialidades de Tomiño, así como no gran abanico de oportunidades que se lle abren grazas a súa proximidade con Portugal para captar fondos europeos para o desenvolvemento de conxunto de ambos países, oportunidades que “sen ningún tipo de dúbida Violeta saberá aproveitar moi ben”. 

 Mirta Misa, concelleira polo PSdeG en Tomiño, e Óscar Portas, candidato de Goián, fixeron fincapé na necesidade de renovación e na confianza da veciñanza en Violeta “só fai falta ver este local ateigado” afirmaba Misa. Pero vai máis alá pois “cando un veciño ou veciña ten un problema peta na porta de Violeta, non na do Concello”.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario