O PARTIDO POPULAR DA GUARDA PROPÓN CONSTRUÍR UN AUDITORIO DENTRO DUNHA GRAN ÁREA DE RECREO NOS “TERREOS DA ELÉCTRICA”
Infogauda / A Guarda
O PP de A Guarda, a través do seu candidato á alcaldía, Roberto José Álvarez Carrero, propón a construción dun Auditorio multiusos dentro dunha gran Área recreativa con zonas verdes e parque infantil.
A zona que contemplan os populares de A Guarda é a coñecida como “terreos da Eléctrica” moi próxima á Alameda e iso mediante a adquisición, expropiación ou fórmula máis vantaxosa dos terreos sinalados. Así, os populares descartan a localización proposta por outros grupos políticos de construír un Auditorio no Campo de Fínola ao ser un “terreo municipal pequeno, con limitacións, e que serve de aparcamento á zona da Alameda”.
Os terreos para a citada dotación albergarían, ademais do Auditorio, un gran parque infantil, zonas verdes de esparexemento e recreo, e un aparcadoiro prestando servizo ao auditorio, á área de recreo e á zona da alameda.
O auditorio multiusos dotarase con diversas salas que cubran as necesidades de espazos culturais da Guarda (Conservatorio, grupos e asociacións artísticas, eventos etc.).
En palabras de Roberto José Álvarez Carrero: “Algún grupo político propuxo construír un Auditorio no Campo de Fínola pero trátase de terreo municipal pequeno, con limitacións, e que serve de aparcamento á zona da Alameda; por conseguinte, nós descartamos esta opción”.
“Nós queremos construír un Auditorio, integrado nun gran parque infantil con zonas verdes de recreo, e un aparcadoiro que preste servizo ao auditorio, á área de recreo e á zona da alameda. Os nosos técnicos, despois de realizar un estudo urbanístico integral, sinálannos que a mellor opción para este proxecto son os coñecidos como “terreos da Eléctrica”. Estamos fartos de remendos, proxectos pouco ambiciosos ou chafalleiros. O mellor exemplo témolo na Alameda. A Guarda merécese unhas dotacións acordes co seu potencial”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario