ANTONIO LOMBA ANUNCIA “UNHA CAMPAÑA EN POSITIVO, PARA FALAR DO QUE XA FIXEMOS E DE PROXECTOS DE FUTURO MOI ENCAMIÑADOS”
Infogauda / A Guarda
Antonio Lomba, candidato socialista á reelección como alcalde da Guarda, anuncia unha campaña "en positivo para falar de futuro”. O lema elixido é 'A Guarda Avanza'.
“Creo con honestidade que representamos a máis seria proposta de goberno para A Guarda”, explica Antonio Lomba a unhas horas da pegada de carteis. Garante “continuar a traballar cada día para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.
“Nestas próximas dúas semanas toca falar de futuro e temos xa proxectos moi encamiñados para desenvolver ata 2027”, engade o alcalde e candidato socialista.
En palabras de Antonio Lomba, “preséntome coa máxima responsabilidade, consciente de que o traballo feito nunca é suficiente e con moita ilusión, cunha candidatura que representa a toda A Guarda”.
“A pesar das dificultades estamos moi satisfeitos de todo o traballo feito no concello nestes catro anos. Fixemos moita xestión, conseguimos financiamento externo, incluídos fondos europeos Next Generation, sacamos adiante grandes proxectos para A Guarda e puxemos en marcha outros moi importantes para o futuro da vila”, engade.
Os socialistas da Guarda celebrarán desde mañá numerosos actos, con reunións sectorais, accións de porta a porta, mitins nas parroquias e outro tipo de actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario